O Bloque Nacionalista Galego propuxo este xoves que o Concello de Vigo se dote dun protocolo de protección do arborado urbano en todas as obras públicas da cidade, para evitar que se volvan producir situacións como a que se saldou co tronzado de dous cedros singulares na ronda e Don Bosco. Para a fronte nacionalista resulta «inxustificábel» que a falla de supervisión municipais e de medidas preventivas nunha obra pública, non se faga efectivo o compromiso de manter estes dous exemplares protexidos e catalogados. «O goberno municipal ten que poñer en marcha un protocolo que evite este tipo de situacións e que asegure a protección do arborado urbano», reclama o concelleiro do BNG na cidade olívica, Xabier P. Igrexas.
Igrexas reitera a mensaxe de que «as árbores non son ornamento, nin cousas, son seres vivos que xogan un papel fundamental do punto de vista ambiental para a cidade». O portavoz municipal nacionalista entende que as «tallas inxustificadas practicadas na cidade nos últimos meses e o sucedido na Ronda de Don Bosco, que enmarca nunha política de permanente arboricidio» por parte do goberno de Abel Caballero, motivan a necesidade de revisar e actualizar a ordenanza municipal de medio ambiente.»Temos que despregar unha normativa municipal que estea á altura da conciencia ecóloxica da veciñanza viguesa, que eleve a protección do arborado e que nos permita avanzar na reconciliación da cidade co seu medio natural. É o momento de facelo», defende.