Camiño a Camiño, o programa de educación medioambiental do Concello de Vigo, inicia en marzo unha serie de percorridos polas parroquias de Vigo para coñecer como a poboación se relacionou historicamente co territorio. A primeira andaina desenvolverase este domingo día 1 (saída ás 09.30 horas) e pasará polos ‘Camiños dos Canteiros de Matamá’, unha inmersión nun sacrificado oficio que fixo que esta zona da cidade (e outras como Castrelos ou San Andrés de Comesaña) explotara as súas canteiras e subministrara pedra para construír a cidade de principios do século XX.
A ruta comezará ao carón da escultura en homenaxe a Valerio ‘Trancas’, contando coa presenza do seu fillo para falar desa canteira. Logo proseguirá polo muíño da Regueira, onde se o tempo o permite, contarase con outra testemuña que comentará como era o traballo nas canteiras.
A partir de aí percorrerase o Sendeiro Local de Matamá ata chegar ao Parque Forestal do Maruxento, onde se atopa unha nova canteira e un precioso miradoiro. Tras atravesar a Comunidade de Montes de Matamá chegarase á Comunidade de Montes de Comesaña, onde tamén poderá comprobarse que a pedra e as canteiras están por todas partes.
Dado que o percorrido require un esforzo de subida importante ao principio, a organización oferta dúas alternativas: unha ruta longa de 9 quilómetros e dificultade media-alta e outra ruta curta de 6,4 quilómetros con dificultade media.
En todo caso, desde a Concellería de Medio Ambiente avisan de que é importante levar botas -pois vai haber zonas enlamadas- e bastón para apoiarse en tramos de subida e baixada.