Un ano máis, o Concello de Covelo e a Universidade de Vigo forman á cidadanía grazas ao proxecto Mareas do Coñecemento da Universidade de Vigo que chega ao rural galego para tratar de democratizar o acceso ao saber científico, artístico e tecnolóxico entre a poboación sénior.
Esta iniciativa, que aterra por segundo ano consecutivo en Covelo, é unha aposta da institución académica pola formación ao longo da vida e por estender a docencia e a divulgación máis aló dos campus. Este ano serán seis as vilas que se unen a este programa: O Rosal, Poio, Allariz, Lalín, Ribadavia e Covelo, onde este xoves arrancaron as actividades desta nova edición.
O concello de Covelo foi o primeiro en estrear esta nova edición este martes, cun primeiro seminario, centrado na saúde, no que os profesores profesores José Luis García Soidán e Antonio Vázquez Saborido explicaron ás persoas asistentes a importancia dunha alimentación equilibrada e os beneficios do consumo de alimentos locais, sostibles, saudables e de temporada.
A sesión práctica deste primeiro seminario tivo lugar o xoves cunha ruta radio saudable.
Neste concello o programa comprenderá tamén un seminario sobre pilates e outro sobre historia e patrimonio cultural de Covelo, con varias sesións en datas aínda por determinar.
O proxecto de democratización do coñecemento, como explica a coordinadora do Programa para Maiores da UVigo, a profesora Carmen María Abreu, “encádrase dentro da Rede Galega de Programas Universitarios para Maiores” creada polas tres universidades galegas para facer fronte dende o eido universitario aos retos derivados do envellecemento poboacional.
A finalidade é, como se reflicte no seu nome, favorecer a democratización do coñecemento potenciando e difundindo o saber científico e artístico entre toda a poboación maiores de 50 anos.
Catro obxectivos
As accesións específicas van dirixidas a acadar catro obxectivos. Por unha banda, conciencia, ensinar e aprender da presenza da ciencia no día a día para revalorizar o patrimonio.
Por outra banda, trátase de recoñecer o valor das disciplinas artísticas, mentres que tamén se aposta por adaptar e coñecer as competencias socio-sanitarias dos principios do envellecemento activo.
Finalmente, tamén se procura mellor a calidade de vida o benestar das persoas participantes, fomentando a participación e o exercicio intelectual.
En cada un dos concellos participantes impartiranse tres ou catro seminarios de diferentes temáticas, con sesións teóricas e prácticas de man de profesorado da Universidade de Vigo especializados nesta campos.
Contidos adaptados a cada concello e comarca
Os contidos do programa están deseñados especificamente para cada unha das comarcas, en colaboración co concello organizador.
Un dos temas está sempre acorde ás necesidades dos veciños e veciñas, outro terá o propósito de coñecer, identificar e valorar o seu patrimonio, comprendido non só como patrimonio histórico e artístico, senón tamén como patrimonio arquitectónico, cultural, natural, musical e etnolóxico, e o último buscará mellorar a súa saúde mediante exercicios e consellos sobre a alimentación propia da zona.
En xeral, sempre se ofertan contidos de patrimonio local e saúde, e ademais os concellos poden elixir para un seminario unha temática entre ecoloxía, sostibilidade e tecnoloxía. En total, nesta edición o programa en cada concello ten unha duración que varía entre as 10 e as 16 horas, dependendo da cantidade de sesións e seminarios organizados.