O Concello de Vigo abriu o proceso de licitación do servizo de vixilancia, socorrismo, salvamento, asistencia sanitaria de primeiros auxilios nas praias de Vigo, un contrato por dous anos e importe de 970.000 euros. O goberno vigués prestará novamente o salvamento e socorrismo en dez areais: A Punta, Tombo do Gato, Argazada, Samil, Vao, Fontaíña, Canido, Fortiñón, Rodas e Figueiras.
O contrato este ano engade o programa de seguridade e accesibilidade ao baño para as persoas con mobilidade reducida. As cadeiras anfibias permiten o acceso ao mar das persoas con discapacidade en condicións de seguridade e este verán prestarase nas mesmas condicións que no pasado, é dicir, nas praias do Vao e de Samil durante os meses de xullo e agosto.
Na reunión da Xunta de Goberno Local celebrada este xoves tomouse ademais coñecemento das solicitudes formuladas polo Concello para a concesión das bandeiras azuis. Para 2018, Vigo aspira a renovar as doce distincións -concedidas ás nove praias solicitadas e tres sendeiros, denominados «Camiño a Beiramar», «Entre Faros» nas illas Cíes e a «Senda Litoral e do Monte da Guía-.
Quioscos
Por último, e tamén relativo aos servizos estivais nas praias, o Concello promove xa a ocupación e instalación nos meses de verán dos quioscos, un total de once repartidos polos areais da Punta, Santa Baia, Argazada, ETEA, dous no Tombo do Gato, outros dous no Vao e tres máis en Samil.
Aqueles que xestionaron os quioscos no pasado verán teñen quince días para manifestar o seu interese en prorrogalo un ano máis; o Concello sacará a concurso aqueles que queden baleiros.