O alcalde de Vigo felicitou á presidenta da Deputación por esta acción, que se desenvolve por segundo ano consecutivo, e adiantou que dende o seu goberno están deseñando unha campaña de concienciación colectiva baixo o lema «Vigo libre de plásticos», que se iniciará despois do verán e que aspira a que sexa un exemplo en España e Europa. «Queremos que outras cidades españolas e europeas sigan esta mobilización», sinalou.
Así, o rexedor destacou o importante nivel de concienciación social sobre o medio ambiente e vida saudable que percibe nestes momentos no que «a gran peste se chama plásticos e están matando o planeta e o mar», polo que, dixo, «temos que actuar con contundencia. Temos que terminar cos plásticos». Así, animou á cidadanía a empregar bolsas de tela e empregar envases alternativos, biodegradables.
Abel Caballero referiuse tamén á elaboración da ordenanza municipal que limitará o tabaco nas praias de Samil, O Vao e as Illas Cíes tras a consulta web realizada na que participaron «40.000 persoas e o 80% dixo que as querían libres do fumo de tabaco», sentenciou.