Na rolda de prensa estiveron presentes Rodrígo Romaní, compositor e director do proxecto; Javier Escobar, director artístico de la Orquestra Sinfónica Vigo430, Oscar Villar, director da Coral Casablanca; Lucía Martínez e Anxo Pintos, compositores; Cándido Cabaleiro, representante da Escola Municipal de Música e Xaquín Xesteira, da Etrad. Na súa intervención, Caballero agradeceu a súa implicación a todas ás institucións, orquestras, grupos e persoas representativas «do desenvolvemento da música e da cultura de Galicia e de España» por cooperar neste «obxectivo global de cidade» que é promocionar as Cíes.
«O Canto das Illas», un espectáculo musical e audiovisual «seguramente único na historia da cidade» representarase no Auditorio Mar de Vigo os días 20, 21 e 22 de febreiro.
Segundo explicou o alcalde, o acceso a «O Canto das Illas» -o espectáculo é o mesmo os tres días- será gratuito e as entradas repártense na lonxa do Concello desde o pasado luns 16 de febreiro. O venres, 20 de febreiro, o espectáculo comezará ás 21 horas e os días 21 e 22 de febreiro, ás 19 horas. A primeira hora de este martes, detallou, xa se retiraran 1.000 entradas para o venres, 800 para o sábado e 550 para o domingo. Neste punto, Caballero non descartou realizar máis funcións se a demanda cidadá así o solicitara.
No nome da Orquesta 430, da Coral Casablanca, de Sondeseu e do Coro da Escola Infantil de Música tomou a palabra Rodrigo Romaní, compositor e director do proxecto. Indicou que unha das principais características do espectáculo é a vinculación entre artistas profesionais con afeccionados, así como simbolizar que Vigo «é a cidade galega con máis potencial musical, non só de aprendices senón tamén de profesionais de éxito, en todos os estilos».
Lucía Martínez, que falou no nome dos compositores, amosou a «súa honra» por formar parte deste proxecto, e nos mesmos termos interviu o intérprete Anxo Pintos, quen cualificou o espectáculo de «único e audaz».
Catro bloques escénicos
Esta iniciativa musical está composta de catro bloques escénicos nos que se estreará unha composición encargada especialmente para O Canto das Illas, e interpretadas por artistas de diferentes estilos. Entre os distintos bloques integraranse os elementos audiovisuais: o videomapping (proxeccións adaptadas á estrutura do entorno onde se realiza o evento) e Pintura en area, de Colette Dedyn.
O primeiro bloque escénico, chamado Illa Monteagudo, contará coa Orquesta Sinfónica Vigo 430 e o estreo absoluto de Pórtico de Monteagudo, obra para arpa e orquesta composta por Juan Durán, con Alba Barreiro como solista. O bloque Montefaro terá por protagonista a Lucía Martínez que actuará con mestres e o coro infantil da Escola Municipal de Música, que interpretarán unha obra orixinal da artista.
A continuación chegará o apartado San Martiño, no que actuará Sondeseu, con alumnos da ETRAD e os solistas serán Begoña Riobó e Anxo Pintos. O concerto proseguerá co cuarto bloque, Illa dos Deuses, que incluirá unha suite de Rodrigo Romaní, interpretada por Sondeseu, a Orquesta Vigo 430, a Coral Casablanda e un quinteto contemporáneo cos solistas Iván Ferreiro e Mónica de Nut, ademais do Coro Infantil da Escola Infantil de Música. «O canto das Illas» rematará un espetáculo que subirá ata 200 músicos ao escenario.