O convenio de protección das aldeas asinado entre a Consellería do Medio Rural, a Federación galega de municipios e provincias (Fegamp) e a empresa pública Seaga incrementou a porcentaxe tanto de parcelas como de superficie xestionada nas franxas secundarias -as máis próximas ás vivendas- das parroquias priorizadas dende a metade do total en 2019 ata situarse preto do 70% neste ano 2021. Compróbase así o bo funcionamento do convenio dende a súa entrada en vigor en 2018, resultado, entre outras cousas, dos traballos da comisión parlamentaria creada tras os incendios de 2017, polo que se dá así cumprimento a un mandato da Cámara galega.
A Xunta, ao abeiro deste acordo, vén de finalizar os traballos de comprobación de preto de 180.000 parcelas de parroquias priorizadas, onde os titulares poden executar a limpeza pola súa conta ou contratala directamente a Seaga por un prezo vantaxoso de 350 euros por hectárea limpa. Nesa inspección, constatouse o incremento no grao de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa para a prevención de incendios forestais, acadándose as tres de cada catro parcelas xestionadas.
Un total de 65.000 titulares terán que ser notificados para que procedan á limpeza advertíndolles que, de non facela, cada concello procederá subsidiariamente e logo lles trasladará o custo correspondente.
A Consellería do Medio Rural está a proceder este ano, tras a revisión das parroquias priorizadas, á revisión das parroquias non priorizadas nos 81 concellos actualmente adheridos ao convenio de protección das aldeas que contan con priorizadas. Así, contratáronse un total de 30 capataces que se están a encargar da supervisión do estado de xestión da biomasa, sumados a outras 15 persoas que xa viñan traballando no territorio. Nesta revisión para comprobar o cumprimento da norma estanse a inspeccionar actualmente os concellos de Porto do Son, Guitiriz, Cualedro, Oímbra, A Gudiña, Verín, Sandiás, Boborás, Arbo e Mondariz.
Xestión de biomasa
O acordo subscrito coa Fegamp e Seaga contempla, ademais das accións nas faixas secundarias, a xestión da biomasa en vías de titularidade municipal ata un máximo de 10 quilómetros por concello e ano, con cargo ao convenio, así como 10 ha de execución subsidiaria, tamén por concello e ano.
Tamén está incluída a posta en marcha de iniciativas estratéxicas, é dicir, de proxectos de mobilización de terras en faixas secundarias que se consideren de especial transcendencia, así como de aldeas modelo para recuperar parcelas arredor de núcleos de poboación. Nesa dirección, hai xa 44 figuras deste tipo en diferentes etapas ou fases de execución e 14 declaradas en toda Galicia.
Outra actuación vén dada polo reforzo a actuacións preventivas mecanizadas nos concellos adheridos, que permitirá acadar unha superficie de actuación en áreas cortalume próxima ás 5.000 ha. Tamén se traballa no marco das iniciativas veciñais para o cumprimento das medidas preventivas nas faixas secundarias, como a que supuxo a entrega á Asociación medioambiental “Axuge” de Lobios de media ducia de motoserras, unha decena de batelumes e outros utensilios como serradoiros e tesoiras cortarramas.
Asistencia técnica
No referente á asistencia técnica aos concellos, a Xunta segue apoiando aos consistorios para a tramitación dos seus plans de prevención e defensa contra incendios, chegando xa aos 232 plans enviados a outros tantos municipios. Deles, 130 xa están aprobados e 41 contan con informe favorable da Consellería e están pendentes da aprobación no Pleno dos concellos.
Canto ás ferramentas tecnolóxicas a disposición dos 270 concellos adheridos, o convenio contempla un visor de traballo que permite determinar e visualizar as parcelas afectadas por faixas secundarias e a aplicación Xesbío, para a xestión dos numerosos rexistros que xera o convenio.