Segundo informou a Consellería de Medio Ambiente, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, vén de comunicarlle esta necesidade porque a día de hoxe o procedemento de contratación non está iniciado.
Esta situación evidencia que neste ano non se van iniciar os traballos e, polo tanto, non se van poder executar as contías recollidas no convenio como anualidade de 2019. Por ese motivo, a Xunta, o Concello de Vigo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil deberán modificar o convenio e volver a tramitalo e asinalo.
As tres administracións acordaron o 26 de outubro de 2018 procurar conxuntamente a mellor solución para garantir o abastecemento de auga no sur da provincia de Pontevedra a longo prazo, unha vez evidenciados problemas estruturais no sistema durante o episodio de seca de 2017.
Ese acordo quedou finalmente plasmado nun convenio de colaboración entre as tres administracións asinado o pasado mes de abril, no que o Goberno de España asumía o deber de licitar o estudo. Transcorridos varios meses sen novidades, a Xunta solicitou a convocatoria da comisión técnica do convenio, que se reuniu o pasado mes de xullo e acordou os termos do prego de contratación.
A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil non iniciou aínda o procedemento de contratación e iso obriga a tramitar unha addenda ao convenio asinado.