A dirección do festival sostible e multidisciplinar The Wild confirmou este luns que, debido a crise sanitaria xerada polo Covid-19, o certame trasládase ao 4, 5 e 6 de setembro. O equipo organizador afirmou que “a decisión tómase en relación a emerxencia sanitaria polo coronavirus, xa que non poderiamos garantir a normal celebración do evento nin a seguridade e o benestar do público e participantes” e engade que “con esta nova data confiamos e traballamos coa esperanza de que a normalización social que tanto ansiamos, sexa por entón, efectiva”.
Con todo, o certame seguirá atentamente a evolución dos acontecementos e manterase en contacto coas institucións locais e as autoridades sanitarias para adecuarse a calquera escenario. Polo momento, estase a traballar na reorganización das diversas actividades. Neste sentido, a carreira de obstáculos The Wild Race, que tiña prevista a súa celebración o 28 de xuño no parque forestal de San Miguel de Oia, trasládase ao 6 de setembro.
Na súa primeira edición, celebrada en xuño de 2019, o festival reuniu máis dun millar de persoas co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente.
Na vindeira edición The Wild buscará asentarse como un festival multidisciplinar e sostible de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común.