Trátase dun ombú (Phytolacca dioica L.) situado no xardín do IES do Castro en Vigo, e dunha formación de faias (Fagus sylvatica L.) en San Xoán de Lagostelle en Guitiriz.
O ombú do Castro e unha árbore de 15 metros, un perímetro na base de ata 7,60 metros, e unha superficie de copa de case 300 metros cadrados. A distinción como árbore senlleira deste cedro foi tamén motivada pola importancia histórica e cultural do exemplar, considerado como un símbolo da relación cultual e social entre Galicia e Arxentina, onde esta especie é denominada “árbore de bela sombra” ou “árbore do gaucho”.
Este exemplar de ombú únese deste xeito aos outros dous exemplares desta especie que xa estaban incluídos no Catálogo galego de árbores senlleiras, ambos na provincia da Coruña, o Ombú do Centro Cultural de Santa Cruz, en Oleiros, de 13,30 metros de altura e 15,50 m de perímetro basal e o Ombú do Pazo de Santa Cruz de Rivadulla, en Vedra, de 10,40 m de altura e 15,20 m de perímetro basal.
As Faias de San Xoán de Lagostelle
A formación de faias de San Xoán de Lagostelle, en Guitiriz, inclúe 6 exemplares de notable porte (máis de 40 metros de altura). Estas árbores pertencen a dúas variedades: catro son dunha variedade con follas de cor verde e as outras 2 árbores correspóndense coa variedade atropurpurea, que presenta follas de cor púrpura, o que incrementa o valor estético do conxunto.
Esta formación de faias únese deste xeito a outras faias xa catalogadas como árbores senlleiras: as faias do Pazo de Castrelos, localizadas en Vigo.
O Catálogo galego de árbores senlleiras
O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro público de carácter administrativo dependente da Dirección Xeral de Patrimonio Natural no cal se inclúen todas aquelas árbores e formacións merecentes de protección en atención ás características excepcionais que as fagan merecentes dunha protección especial.
Configúrase como unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos os seus propietarios, as administracións públicas, centros de investigación ou asociacións e entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
Con estas dúas novas incorporacións publicadas hoxe no DOG, o Catálogo galego de árbores senlleiras pasa a incluír un total de 176 elementos, distribuídos por provincias do seguinte xeito:
-
Árbores
Formacións
Total
A Coruña
42
13
55
Lugo
35
3
38
Ourense
19
7
26
Pontevedra
48
9
57
Total
144
32
176