Todos os centros, dependencias e instalacións da Universidade de Vigo permaneceron pechados entre os días 4 e 21 de agosto, coa excepción de servizos esenciais. Esta medida vénse aplicando dende o ano 2019, tanto na Semana Santa como no verán, co obxectivo de avanzar no compromiso da institución académica e do seu persoal coa sustentabilidade e o cambio climático.
En termos xerais, o peche destes 18 días, segundo os datos de consumo eléctrico, supuxo un aforro de 210MWh, o que equivale, por exemplo, ao 37% da enerxía eléctrica consumida pola Universidade durante todo o mes de maio ou o 30% da enerxía consumida durante todo o mes de febreiro. Este aforro supón a non emisión á atmosfera dunhas 53 toneladas de CO2.
Atendendo á distribución por campus, é o de Pontevedra o que rexistrou unha maior porcentaxe de aforro, do 66%. No campus de Ourense, a porcentaxe de aforro é do 46,8% e en Vigo do 34% fronte aos mesmos días do mes de febreiro.
En resumo, como explica o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Luis Míguez, “a diminución de consumo eléctrico supuxo un 24,45% durante o peche por vacacións fronte aos mesmos días do mes de maio e un 38,71% fronte ao mes de febreiro”.
Neste período de peche estival, detalla o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, apagáronse os sistemas de climatización e a iluminación restrinxiuse ao mínimo necesario por seguridade. Ademais, todos os centros quedaron con alimentación eléctrica, xa que o persoal docente e investigador tiña a posibilidade de entrar empregado a tarxeta electrónica individual de apertura de portas. Do mesmo xeito, mantivéronse en funcionamento todos os sistemas e equipos esenciais da universidade, como almacéns refrixerados de mostras, ordenadores, centros de cálculo, etc.
Atendendo a todas estas variables e ás características particulares de cada instalación, os edificios administrativos foron os que ofreceron as maiores cifras de aforro, chegando ao 74% nalgún caso. Pola súa banda, as escolas e facultades rexistraron un descenso xeral do consumo superior ao 50%, mentres que os centros de investigación foron os que ofreceron cifras de aforro porcentualmente inferiores (5-20%) por ter moitas cargas ininterrompidas como son servidores, centros de cálculo, almacenamento e conservación de mostras, etc.
Centros con instalacións fotovoltaicas
Como explica o vicerreitor de Planificación, “aqueles centros con instalacións fotovoltaicas aproveitáronse ademais dun agosto con gran carga solar e puideron reducir aínda máis o seu consumo enerxético como é o caso da Escola de Enxeñaría Industrial, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía, o edificio Exeria, o Cacti ou o Cintecx no campus de Vigo, o Edificio Politécnico no campus de Ourense e a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, a Escola de Enxeñaría Forestal e a Facultade de Ciencias da Educación e Deporte no campus de Pontevedra.
Deste xeito, moitos destes edificios conseguiron un consumo cero nas horas centrais do día grazas ao achegamento da enerxía fotovoltaica (as sedes campus e cidade da EEI, a EEME, Cintecx, EE Forestal, Ciencias Sociais e da Comunicación, Ciencias da Educación e Deporte e o Politécnico en Ourense.
Adaptación ao plan de aforro enerxético
De cara a este novo curso que arranca, a universidade tamén terá que adaptarse ao plan de aforro e eficiencia enerxética aprobado polo Goberno español que busca reducir o consumo de enerxía en edificios administrativos, recintos públicos e comercios. Como explica o vicerreitor de Planificación, os edificios docentes universitarios non teñen que cumprir a norma, “pero o resto de edificios si”, polo tanto, “intentaremos axustarnos da mellor maneira posible para atopar o confort térmico suficiente en toda a Universidade e que supoña un aforro enerxético.