Os baños de bosque do programa ‘Bosques terapéuticos’ da Deputación de Pontevedra colgan o cartel de ‘non hai billetes’. En tan só un par de horas esgotáronse as 30 prazas para participar nas dúas primeiras rutas por Cabo Udra (Bueu) e Freaza (Fornelos), que botarán a andar os días 18 e 19 de xullo respectivamente.
Esta nova iniciativa turística e sostible desenvolverase este verán ao través de 30 visitas guiadas do 18 de xullo ata o 27 de setembro e repartiranse entre os parques forestais de Freaza (Fornelos), A Picaraña (Ponteareas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e Costa de Oia e Serra da Groba (Oia). O prazo de inscrición para todas as rutas está aberto ata catro días antes do comezo de cada unha delas, a través dun formulario en liña no sitio web da Deputación. En total son 450 as prazas para as 30 visitas. Cada ruta, que durará ao redor de hora e media, conta cun máximo de 15 participantes co fin de garantir a calidade da mesma e respectar as medidas de seguridade sanitaria.
As persoas participantes deberán levar calzado e roupa cómoda, auga ou infusións para beber, un par de bolsas para o lixo e un móbil para casos de emerxencia. Para poder sentir profundamente a experiencia dos baños de bosque, as e os participantes deberán desconectar os móbiles, observar a luz solar, percibir os sons e aromas, camiñar e respirar con calma e en silencio, ter a mente aberta, e, sobre todo, desfrutar do momento. Os baños de bosque, técnica procedente do Xapón, buscan afondar na natureza para relaxar a mente e reducir os niveis de estrés. Trátase dunha actividade recomendada para todo o mundo xa que ten beneficios para o cerebro ao producir máis felicidade e reducir o estrés e risco de padecer demencia, para os ollos polo seu efecto relaxante e restaurador, para o corazón ao reducir a tensión arterial e diminuír o ritmo cardíaco, para o sistema dixestivo, o sistema inmunitario e tamén para aumentar a esperanza de vida.
As visitas estrearanse na fin de semana do 18 e 19 de xullo. A ruta polo bosque de Cabo Udra, declarado Zona Especial de Conservación e parte da Rede Natura 2000, ten unha distancia de 1.600 metros, unha dificultade baixa e o punto de partida será a praia de Lagos (Bueu). A partir do inicio, realizarase primeiro o exercicio “botar raíces”, despois o de “5 sentidos”, seguirá o de “respiración curativa”, e as actividades rematarán cun exercicio de relaxación. Cabo Udra conta cunha paisaxe costeira de peñascos, acantilados e mato, na que destaca tamén o seu hábitat submarino. Este espazo natural, localizado no extremo sur da ría de Pontevedra e fronte a Illa de Ons, conserva restos dun castro e bordeando o cabo sitúanse recomendables praias e calas.
No que respecta ao bosque de Freaza, en Fornelos entorno á conca do río Barragán, o seu trazado discorre a diferentes alturas pero mantendo o río como eixo central, facendo deste sendeiro unha experiencia inolvidable. Antes de desembocar no embalse de Eiras, o curso do río Barragán caracterízase pola presencia dunha mata de bosque autóctono cheo de beleza natural, ademais dun gran patrimonio etnográfico como muíños, pontes ou levadas. Esta ruta, con punto de partida en Freaza, terá unha distancia de 1.400 metros e unha dificultade media. Ao comezar a ruta, realizarase primeiro o exercicio “5 sentidos”, despois o de concentración, seguirá o de respiración, e as actividades rematarán cun exercicio de relaxación.
As visitas están destinadas ao público en xeral para poder desfrutar destes parques que forman parte do programa de recuperación e posta en valor que financiou a Deputación nestes últimos anos. Cada unha das rutas ten un tema central, segundo as características e valores de cada espazo, e sobre el xirará toda a actividade, dirixida por persoal experto en proxectos relacionados coa difusión e interpretación do patrimonio e o turismo sostible.