O programa Camiño a Camiño da Concellería de Medioambiente de Vigo, en colaboración con Montes de Vigo e Agrupación de Centros Deportivos e Culturais de Vigo, organiza para a fin de semana do 10 e 11 de outubro paseos interpretativos polos montes de Coruxo e de Saiáns. En ambas, poderanse comprobar as consecuencias dos lumes de 2017 e o proceso de rexeneración que se está acometendo.
En primeiro lugar, o sábado establecerase un punto de encontro en Fragoselo para logo dividir aos asistentes en dúas rutas. A máis longa dirixirase polo sendeiro local cara ao Parque Forestal de Coruxo e o Maúxo Grande, na cima do monte. A máis curta achegarase máis tranquilamente ata a planta de tratamento de biomasa para logo atallar ata o Outeiro da Raposa.
A ruta desenvolverase pola tarde, a partir das 17.00 horas. O percorrido curto terá unha extensión 5,9 quilómetros e unha pendente media do 8,2%. A opción longa ascenderá a 8,6 quilómetros, cunha pendente media do 8,5%. Ao remate dos itinerarios (19:30 horas) os participantes gozarán das actuacións do grupo Etnográfico A Buxaina e da A.C. Alalá.
O domingo 11 o punto de encontro será o parque forestal de Saiáns, dende onde se abordará o arboreto ‘Piñeiros do mundo’ e logo os diversos atractivos recollidos na área etnoarqueolóxica de Saiáns (Muíños da Estea, Castro Alto da Medoña e a Fraga da Cal de Outeiro). No caso do paseo curto realizarase con tranquilidade e no caso do paseo longo, se o tempo acompaña, abordarase o Alto de Bandeira coas súas incribles vistas.
Esta ruta desenvolverase pola mañá con saída ás 10.00 horas. O percorrido curto sumará 3,1 quilómetros e unha pendente media do 11,5%. A alternativa longa será de 6,6 quilómetros e contará cunha pendente media do 10,9%. Á súa finalización (12.30 horas) actuarán a C.C.R. Cabral, a A.C.R.D. Pardavila e a A.F.C Asubío.
Cada un dos dous paseos están limitados a cen persoas. A inscrición –a través do 010- para empadroados en Vigo remata o mércores 7 de outubro ás 20:00 horas. As persoas non censadas poderán anotarse durante o xoves. Cada participante pode inscribirse a un único paseo por fin de semana pero pode solicitar estar na lista de agarda do outro para o caso de que houbese prazas dispoñibles.