A Consellería de Medio Ambiente organiza este inverno un total de 14 rutas guiadas ao Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas de Galicia. A campaña Descubrindo o Parque Nacional é totalmente gratuíta e dirixida por guías profesionais para dar a coñecer o patrimonio natural do arquipélago. Así, oferta 250 prazas para 14 rutas gratuítas por Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada
Durante a campaña ofreceranse un total de 236 prazas para as rutas gratuítas polo parque nacional. A idea é traballar sempre con grupos reducidos para poder ofrecer unha visita de calidade e o máis personalizada posible. A primeira das visitas está prevista en Cíes para o vindeiro domingo, 9 de febreiro, e a actividade prolongarase ata o 25 de abril.
O programa de visitas guiadas ao Parque Nacional das Illas Atlánticas naceu en febreiro do ano 2014 e ata o momento, xa participaron nel máis de 1.400 persoas. A súa finalidade é animar aos cidadáns de todas as idades a coñecer os valores naturais e culturais deste espazo fóra da tempada estival.
Reservas
Os interesados para as rutas gratuítas polo parque poderán reservar a súa praza a partir do próximo luns na web reservasparquesnacionales ou facelo de forma presencial nas oficinas do Parque Nacional en Vigo (rúa Oliva, nº 3) ou no centro de visitantes (rúa Palma, nº 4).
O prazo para inscribirse seguirá aberto ata catro días antes da visita e para cada unha delas abrirase unha lista de agarda. De feito, en caso de non poder asistir cada participante deberá anular a súa reserva na mesma páxina web como moi tarde tres días antes.
Cada solicitante poderá inscribirse xunto cun máximo de tres acompañantes. Ao igual que en edicións anteriores e dado que o número de prazas é limitado, só se poderá participar nunha soa das rutas previstas ao longo deste trimestre. En calquera caso, ofertaranse case o dobre de rutas que no inverno pasado e a programación chegará aos catro arquipélagos.
As actividades guiadas ás illas son de balde, aínda que os participantes deberán asumir o custo do seu transporte. No caso de Cíes e Ons, poderán acceder a través da liña regular que as distintas navieiras autorizadas ofrecen. Para acceder a Sálvora e Cortegada, onde por razóns de conservación non hai transporte regular, o propio parque organiza un transporte pero o custo do billete deberá asumilo o interesado.
Temática diversa
A temática das 14 rutas programadas entre febreiro e abril é diversa e poden dividirse en dous grandes bloques. Por unha banda, Illas con vidILLA, excursións pensadas para que os asistentes descubran os valores naturais de cada unha. As árbores de Cortegada, a diversidade de paisaxes naturais a través das flores no caso de Ons ou a fauna mariña e as algas de Sálvora. Pola outra, Illas con historILLA, nas que os guías centraranse en dar a coñecer as pegadas históricas, propoñéndolle ao visitante unha viaxe no tempo.
Como en anos anteriores, nesta ocasión tamén haberá rutas especiais pensadas para familias con nenos de entre 5 e 12 anos. Realizarase durante o período de vacacións escolares de Semana Santa, propoñendo unha visita ás Cíes e ás Ons a vista de paxaro e outra centrada nas pedras costeiras de Cíes. Como máximo poderanse inscribir dous nenos con cada adulto participante na actividade.