O festival multidisciplinar e sostible The Wild ultima os preparativos para a segunda edición do certame, que terá lugar o 5 e 6 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia. Unha fin de semana chea de actividades para toda a familia con concertos, faladoiros, actuacións infantís, actividades sostibles e, por suposto, unha boa dose de cinema de natureza.
Así, no festival proxectaranse un total de 10 películas que destacan por poñer o foco na defensa do medio ambiente, pero tamén por amosar grandes historias de activismo ou dar a coñecer as historias de mulleres deportistas e aventureiras. Deste xeito, destacan Treeline, unha obra que nos fará viaxar polos bosques de Xapón ou Nevada; O monte é noso, potente documental sobre a defensa do monte mancomún en Galicia; Eucalyptus, que narra as consecuencias negativas que teñen as reforestacións de eucaliptos en Galicia ou Where The Wild Things Keep Playing, que amosa a faceta deportiva e aventureira das mulleres do século XXI.
Para garantir a máxima seguridade fronte a Covid-19 haberá cadeiras e alpacas de palla separadas co fin de manter a distancia de seguridade, tomarase a temperatura no acceso ao festival e haberá hidroxel desinfectante á disposición de todos os asistentes, entre outras medidas.
A programación de cinema de natureza de The Wild terá lugar tanto o sábado 5 coma o domingo 6 de setembro no Parque Forestal San Miguel de Oia.
Deste xeito, o primeiro pase será o día 5 ás 17.00. Nel proxectaranse catro filmes. O primeiro é Treeline, obra dirixida por Jordan Manley e gañadora do Gran Premio del Mendi Film Bilbao-Bizkaia 2019. Nela, todos os asistentes coñecerán os bosques de Xapón, Canadá ou a Columbia Británica a través dos ollos dun grupo de esquiadores, científicos e curandeiros. Despois, tocaralle o turno a Rewild, unha película que forma parte da campaña de arte activista Splash and Burn e que mostrará, dun xeito inverso, o proceso de deforestación en Indonesia. A terceira obra é Where The Wild Things Keep Playing, de Krystle Wright, quen dará a coñecer a faceta deportiva e aventureira das mulleres do século XXI e, para rematar a xornada, Sleppless, de Jorik Dozy e Sil Van Der Woerd. Este documental narra a historia dun mineiro mongol que leva a súa filla, enferma pola contaminación da cidade, a ver a un chamán.
Xa o domingo 6 a partir das 17.00 poderase gozar do resto de filmes. Así, poderase ver O monte é noso, de Lorenzo Soler, un espectacular documental sobre a defensa do monte mancomún galego; Eucalyptus, de Elena R. Flores e Miguel Souto, no que diversos expertos relatan as consecuencias negativas que teñen as reforestacións de eucaliptos en Galicia; In Perpetual Motion, de Krystle Wright, que amosa o seu traballo coma fotógrafa de aventuras e Where The Wild Things Keep Playing, da mesma directora, quen continúa visualizando a presenza das mulleres no eido deportivo.
Finalmente, completan a mostra DreamRide, de Ryan Gibb, unha viaxe máxica por entornos de Utah, Nevada, California ou Oregón e Ashes and Snow, de Gregory Colbert, un filme que captura momentos extraordinarios de contacto entre persoas e animais vistos dende a lente da cámara do artista en máis dunha trintena de expedicións a algúns dos lugares máis remotos da terra.
Prezos
Debido a actual crise sanitaria e para facilitar a xestión e os trámites, poderanse adquirir as entradas a través da web de The Wild, onde tamén aparecen todos os prezos de entrada e actividades.
A modo xeral, o sábado 5 de setembro a entrada ao festival custará 10 euros. E, se se quere acampar, o prezo será de 13 euros. O domingo a entrada será de balde.
The Wild Fest
Na súa primeira edición, que tivo lugar do 28 ao 30 de xuño en San Miguel de Oia, acudiron máis dun millar de persoas co fin de participar na andaina solidaria, coñecer de primeira man empresas galegas sostibles, gozar de boa música ou emocionarse co cine de natureza. Por suposto, os máis cativos tamén tiveron a ocasión de pasar un moi bo rato mentres aprendían o importante que é coidar o medio ambiente.
Nesta edición, The Wild, que se celebrará o 5 e 6 de setembro, buscará asentarse como un festival multidisciplinar e sostible de referencia na comarca de Vigo polo que seguirá apostando polos valores cos que naceu: achegar a toda a cidadanía actividades lúdicas, deportivas e de concienciación para converterse nun espazo integrador cun nexo de unión común: facer visible a importancia de respectar e coidar o medio ambiente.