Co obxectivo de lograr unha xestión correcta dos novos residuos sanitarios de uso doméstico que utiliza a cidadanía para protexerse da Covid-19, a Deputación de Pontevedra anunciou este venres a posta en marcha dunha nova campaña de información, enmarcada no cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas, para evitar danos ao medio ambiente.
A crise sanitaria provocou grandes transformacións tanto nas pautas de consumo como na clase de residuos que se xeran en millóns de fogares. Por elo, co lema de ‘Responsabilízate’, esta campaña apela directamente á responsabilidade individual, “máis necesaria que nunca”, á hora de desfacerse do material de protección como máscaras de protección, luvas ou os botes de hidroxel que teñen que depositarse nos colectores correctos.
Con imaxes de impacto que mostran praias, parques e bosques onde non se pode arroxar o material sanitario, a iniciativa da Deputación lembra que as máscaras e as luvas non son reciclables e deben depositarse no colector de descarte, de cor verde ou gris, segundo o municipio. Tamén se incide en que os botes baleiros de xeles desinfectantes deben deixarse no colector amarelo xunto ao resto de envases de produtos de limpeza.
A presidenta provincial, Carmela Silva, sinalou que “un pequeno xesto como reservar as máscaras ata poder depositalas nos contedores de residuos orgánicos ou restos, ou levar os botes de xel ao colector amarelo de envases pode previr danos irreparables no noso entorno máis próximo”.
“Máscaras e guantes de látex ou nitrilo son esenciais para protexernos da Covid-19, pero tiradas no chan poden supor unha importante ameaza para a saúde dos demais e para o noso planeta se rematan na ría, nos montes ou no sistema de sumidoiros das cidades e pobos ao non degradarse”, afondou Silva, quen recordou tamén que unha máscara tarda ao redor de 400 anos en descompoñerse na natureza e que as luvas tamén son altamente contaminantes e perniciosas se rematan no fondo do mar, ameazando a vida dalgunhas especies.