No marco do proxecto Ríos de Adega, “Defendendo o Tea” convocou unha xornada de limpeza na que os voluntarios e voluntarias retiraron do río todo o que unha parte da cidadanía deita ao río. Pneumáticos, olas, plásticos de diversa orixe, vidro e ata unha bañeira apareceron no leito do río.
Vintecatro persoas traballaron para amosarlle á cidadanía que con forza de vontade se poden facer grandes cousas. A concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, destacou os milleiros de toalliñas que foron retiradas e insistiu na importancia de non desbotalas polo váter porque ademais de contaminar provocan atascos. A edil apelou ao uso responsable de determinados produtos prestando especial atención á hora de botalos ao lixo e ao elevado número de veces que os consumimos.
«Defendendo o Tea» quixo agradecer “a todos os voluntarios e voluntarias que fan posible que, un ano máis, o río Tea quede un pouquiño máis limpo” destacando a “súa implicación e colaboración agardando que cada ano se anime mais xente a colaborar”.
Do mesmo xeito querían agradecer, un ano máis, “a implicación do concello de Ponteareas co Proxecto Ríos e con Defendendo o Tea”. Lembran a todos os veciños e veciñas a “obriga que temos de coidar un espazo incluído na rede Natura 2000 no que podemos atopar especies migratorias como o salmón, o r eo e a lamprea a onde aínda se poden ver londras pola sua ribeira.
Por último, Rosa Covelo convidou á cidadanía á contribuir empregando as illas de reciclaxe que se atopan en todo o concello con contedores para plásticos, cartón e papel, xenérica así como os puntos de recollida de aceite de cociña ou de pilas.
Tamén recordou a existencia dun servizo gratuíto de recollida de enseres ( 986 64 03 07 ) unha vez á semana e a posibilidade de achegar ao punto limpo calquera residuo ou lixo que non poida deixarse nas illas de reciclaxe. O punto limpo ofrece un amplo horario de luns a venres de 08:30 a 13:45 horas e de 16:00 a 18:00 horas estando aberto tamén os sábados de 10 a 13 horas.