Establécese deste xeito unha primeira faixa de illamento con moita separación da vexetación, unha segunda con menos e, por último, un camiño que ten que estar despexado para facilitar a circulación de vehículos de inspección e, eventualmente, de extinción.
A intención é empregar especies frondosas e autóctonas resistentes que estarán separadas convenientemente para evitar a contaminación do lume. Nestes momentos, o bosque de Vigo está cheo de especies vexetais pirófitas: pinos e eucaliptos, principalmente, que se substituirán por castiñeiros, abetos, lamigueiros, nogueiras, acivros, cerdeiras ou teixos.
O total do anel ascende a case cinco millóns de metros cadrados de extensión, dos que 297,737 metros cadrados os ocupa o camiño. Tal e como determina o anteproxecto do Anel Verde, o tramo principal, de Saiáns a Teis, ten 38,5 quilómetros, o ramal de San Andrés de Comesaña, 2,1 quilómetros, o de Zamáns, 3,5 quilómetros e, por último, o da universidade, 5,5 quilómetros.
Respecto da titularidade dos terreos, o 16,4% é público, o 35,3% é superficie comunal e o 48,3% é privado. Nas zonas comunais será o Concello o que plante as especies e o que vele ata que o proceso de recambio forestal sexa irreversible, aínda que a xestión seguirá recaendo nos comuneiros.
Os privados poderán elixir entre xestionar eles os montes, seguindo a ordenanza municipal ou ceder esta xestión aos propietarios dos comunais. A partir deste momento, o Concello contactará de novo coas comunidades de montes e coas privados para trasladarlles este anteproxecto.
Folla de ruta
A folla de ruta pasa, en primeiro lugar, pola elaboración do proxecto técnico, que sairá a concurso público cun custo aproximado de 300.000 euros. Ao mesmo tempo, o Concello desenvolverá unha ordenanza municipal que regulará a ordenación forestal e os espazos interurbanos no contorno das vivendas.
Deste xeito, se establece un sistema de prevención, detección e control dos incendios forestais que permitirá reducir e limitar a propagación do lume, unha vez iniciado, posto que sirve de ruta de acceso ao monte.
O Anel Verde pretender converterse na gran infraestrutura que conectará os montes que circundan a cidade formando unha nova dimensión ecolóxica, enlazando a cidade co cinto de espazos naturais que rodean a comarca. Vaise dotar un espazo natural con rutas de sendeirismo ou bicicleta, ademais de conectar a rede de parques forestais municipais coa previsión de crear dez novas áreas de lecer.