A parroquia viguesa de Valadares colabora co Xacobeo promovendo unha camiñada guiada polo seu treito do Camiño Portugués do Norte: 5 quilómetros que separan o Moxón Real da estrema coa parroquia de Vincios das inmediacións do hospital Álvaro Cunqueiro. A peregrinación, denominada ‘Pasiño a pasiño imos facendo o camiño de Santiago’ pasa por varios dos espazos naturais máis fermosos da parroquia máis extensa de Vigo.
A ruta, de baixa dificultade e apta para toda a familia, celebra a súa segunda edición cunha extensa programación cultural, que amenizará a todos os que se acheguen para converterse en peregrinos por un día. A camiñada comeza ás 09:45 horas no campo de fútbol da Gándara. A primeira parada será sobre as 10.00 horas no Moxón Real da estrema con Vincios (A Pasaxe), onde os camiñantes poderán escoitar as vivencias dalgúns dos experimentados ‘andaríns’ xacobeos que nos acompañen, para iniciar de seguido a ruta cos Trobadores Aldariña de Candeán e o Cego de Matamá. As seguintes paradas serán na casa do peregrino de Valadares (10.30 h.) e nos centenarios muíños do Rendondo e de Longras (11:00 horas), ata chegar ás inmediacións do hospital Álvaro Cunqueiro, límite do camiño de Santiago que discorre pola parroquia.
A ruta continúa volvendo sobre os seus pasos, polo Muíño da Senra (12.15 horas) e pola leira do Centro Veciñal e Cultural de Valadares (12:30 horas), punto onde a Unión Musical de Valladares ofrecerá un concerto adicado ao Xacobeo e ás peregrinacións (13:00 horas). No mesmo lugar, Grato Amor, vicepresidente da asociación Amigos dos Pazos, Luís Martínez da web caminador.es e Campio Salgueiro, da asociación do Camiño de Santiago sen asfalto iniciarán un breve parladoiro sobre o descoñecido camiño do norte.
Unha vez rematada esta peregrinación cultural, os camiñantes poderán gozar dun espazo para xantar na área natural da leira da Senra ao carón da cafetería do Centro Veciñal e Cultural de Valadares mentres continúan os romances e cantigas de Aldariña de Candeán e o Cego de Matamá (15:00 horas), o espectáculo de variedades de circo coa compañía Cirkompacto e Lila Star (16:00 horas) e o concerto de Da Cruz One Man Band, o home orquestra de Coímbra (17:00 horas). As inscricións están abertas ata o 18 de xuño ás 14:00 horas na sede do Centro Veciñal e Cultural de Valadares ou a través da súa páxina web www.valladares.tv, onde tamén está dispoñible a reserva das prazas para acudir unicamente aos espectáculos programados, todo completamente de balde. No caso de mal tempo, as actividades trasladaranse ao Auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valadares dende ás 12.00 ata as 14.30 horas.
O Camiño Portugués do Norte
O Camiño Portugués do Norte é unha variante do Camiño Portugués pola Costa e que atravesa a parroquia de Valadares dende a fronteira coa limítrofe parroquia de Vincios, en Gondomar. Recuperado na Guía da Asociación de Amigos dos Pazos por Juan Manuel López-Chaves Meléndez, que realizou unha investigación para a recuperación deste trazado que coincide co chamado Camiño Real e nalgún caso con calzadas romanas.
O Camiño Portugués do Norte, está a ter moito interese entre os peregrinos que buscan rutas alternativas ás tradicionais peregrinaxes a Compostela. Grazas ao traballo de promoción de toda a veciñanza de Valadares, ‘Pasiño a pasiño imos facendo o camiño de Santiago’ celebrará a súa terceira edición o 12 de setembro. Pódese ver o percorrido e obter máis información sobre este camiño na web www.valladares.tv.