Vitrasa, en colaboración co Concello de Vigo, súmase un ano máis, e con este xa son catorce, á Semana Europea da Mobilidade cun programa de actividades que dará comezo esta fin de semana e se prolongará ata o martes 22 de setembro, coincidindo co Día Europeo Sen Coches. Baixo o lema ‘Móvete por Vigo’ desenvolveranse diversas iniciativas que teñen como obxectivo fomentar o uso do transporte público entre os vigueses por ser un dos medios máis sustentables e respectuosos co medio ambiente.
En concreto, durante a fin de semana do 19 e 20 de setembro o Bus Turístico será de balde para os usuarios que dispoñan da tarxeta Pass Vigo, previa reserva online de billete na plataforma online Woutick. Haberá catro viaxes, o sábado 19 ás 11:00 e 16:30 horas e o domingo 20 ás 11:00 e 16:30 horas.
Ademais, tampouco terán custo as lanzadeiras ao campus universitario (U1 e U2) durante o luns 21 -coincidindo co inicio do servizo e o curso – e as liñas ao hospital Álvaro Cunqueiro (H, H1, H2 e H3) o martes 22, coincidindo co Día Europeo Sen Coches.
Todas estas actividades de Vitrasa enmárcanse dentro da ‘European Mobility Week 2020’, impulsada pola Comisión Europea e apoiada polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico de España. Nela participan 32 países europeos e 300 cidades españolas, entre as que se atopa Vigo. Durante o ano pasado, máis de 2.000 persoas participaron de balde nas iniciativas postas en marcha pola concesionaria.