O Concello de Vigo deu este venres o seu visto e prace á reedición do convenio coa Asociación Protectora de Animais e Plantas de Vigo para a recollida de animais e atención do centro municipal da Madroa. Entre as novidades deste acordo a tres anos, atópanse o incremento de preto dun 10% do apoio anual á entidade, que pasa de 96.000 a 105.000 euros, e a creación dunha aplicación móbil para adoptar animais.
Esta ferramenta informática pretende facilitar o proceso de adopción e recollerá datos, características e necesidades dos cans e gatos sen ter que achegarse ata o refuxio ata o momento de formalizar a acollida. Ademais, tamén se contempla a figura da adopción temporal, na que unha persoa poida encargarse dun animal durante un período determinado co compromiso de devolvelo se logo existe unha acollida permanente por outra persoa.
Segundo explicou este venres o alcalde de Vigo, Abel Caballero, un dos propósitos destas adopcións temporais é que aquelas persoas que teñan dúbidas sobre a acoller a un animal, dean o paso e se cadra acaben formando un vínculo co exemplar adoptado para quedar con el de xeito definitivo.
A protectora encárgase de coidar aos animais e xestionar o recinto municipal e o Concello, ademais da achega mencionada, ocúpase dos gastos do espazo (electricidade, telefonía, auga…) e dos investimentos nas instalacións. A este respecto, o pasado ano dedicáronse 60.000 euros para obras como unha nova oficina para recibir á cidadanía, entre outras.