Abel Caballero puxo en valor este martes ante os escolares dos CEIP Balaídos e Seis do Nadal os 314.000 metros cadrados de zonas húmidas da cidade.
O alcalde explicou que Vigo é unha cidade con moita superficie húmida sumando 314.000 metros cadrados. Destacan A Bouza (4.000 m²), Goberna (35.700 m²), Muíños (35.000 m²), O Vao (137.000 m²), Fontes-Pertegueiras (15.000 m²), Barreiro (2.700 m²) e Xunqueira do Lagares (114.000).
Precisamente sobre o Lagares explicou que a nova depuradora de Vigo foi construída de xeito que se preservase, dado que a anterior fora situada no medio dese espazo. Así, engadiu que a visión do Concello é dun “respecto total” polas zonas húmidas, de maneira que o “PXOM vai recuperar zonas húmidas do Lagares eliminadas pola man do home”. O novo Plan de Ordenación manterá en toda a senda do Lagares as zonas inundables, recuperando áreas e zonas verdes ao longo do río.
Vigo conmemorou este martes o Día das Zonas Húmidas, baixo o lema “As zonas húmidas están cheas de vida: a biodiversidade das zonas húmidas é importante”. A xornada se compartiu con 125 escolares de 6º de Primaria dos colexios Balaídos e Seis do Nadal, na que lles transmitiu que o río Lagares “ten vida propia e temos que ser moi respectuosos coas súas zonas húmidas”.