O programa ‘Voando nas Rías Baixas’, organizado pola Deputación en colaboración con SEO Birdlife, chega este domingo 4 de xuño á praia da Lanzada, nos concellos de Sanxenxo e O Grove. O obxectivo desta iniciativa provincial é dar a coñecer a riqueza ornitolóxica do territorio e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos. Neste caso, a praia da Lanzada é un dos últimos redutos da provincia onde nidifica a píllara das dunas, unha ave en perigo que se enfronta a un risco moi alto de extinción.
A andaina polo areal estará conducida por dúas experimentadas persoas guías ornitolóxicas de SEO Birdlife Pontevedra. As e os participantes, mantendo unha distancia prudencial, descubrirán os niños protexidos con gaiolas e balizados, e as píllaras cos seus adorables poliños que corrican pola area. Ademais, explicaránselles os problemas cos que se enfronta cada ano esta ave protexida para reproducirse con éxito nos nosos areais.
Como recomendacións para as e os participantes, aconséllase levar roupa cómoda e apropiada para moverse polo campo, así como protector solar. Cada participante terá a súa disposición prismáticos de observación de aves, así como dous telescopios terrestres de alta gama para poder desfrutar das aves sen molestalas.
Tamén recibirán como material didáctico unha guía de aves, así como unha listaxe para que elaboren a súa propia durante a ruta. No caso daquelas persoas que dispoñan de prismáticos e guías de campo recoméndase que os leven, ao igual que unha pequena libreta para aprender a facer un caderno de campo.