A Xunta informou este sábado de que trasladará a vindeira semana ao Goberno de España as principais necesidades de Galicia en materia de saneamento e abastecemento de auga.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, manterá o próximo martes unha reunión de traballo co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, na que solicitará o apoio da Administración central para atender os asuntos máis prioritarios.
Segundo informou o Goberno galego, entre os principais temas da reunión, está previsto abordar os avances na busca de solucións aos problemas estruturais do sistema de abastecemento de auga de Vigo e a súa comarca. A Xunta colabora no cofinanciamento dun estudo destinado a establecer a mellor alternativa para garantir a longo prazo o subministro de auga a Vigo. Ese estudo foi licitado recentemente polo Goberno de España e a conselleira solicitará información sobre as previsións de inicio e progreso dos traballos.
Ademais, Ethel Vázquez trasladará, novamente, a preocupación de Galicia pola falta de avances en relación coa dragaxe da ría do Burgo, cando está a piques de cumprirse un ano desde que o Goberno de España se comprometera a impulsar as obras con cofinanciamento de fondos europeos.
Tal e como fixo de forma reiterada ao longo do último ano, a conselleira solicitará que o Goberno de España destine os fondos europeos consignados a Galicia a financiar o antes posible as actuacións necesarias en Ponteareas, Salvaterra de Miño, Monforte de Lemos ou Ames.
Abordará, tamén, as previsións sobre a execución e financiamento da nova depuradora de Santiago de Compostela e sobre o saneamento de Raxó, no municipio de Poio. Prevé solicitar a maior axilidade posible na tramitación dos informes necesarios para desenvolver as obras de saneamento da ría de Pontevedra.