O Concello inicia neste novo ano o proceso de presentación da candidatura das Illas Cíes como Patrimonio Natural da Humanidade da Unesco, que deu comezo este xoves co acto de promoción realizado en Fitur onde se amosaron as cualidades da gastronomía viguesa e do arquipélago como as «dúas patas importantes da capacidade de promoción e atractivo turístico de Vigo» e que, segundo o rexedor, tivo un «eco moi favorable e moi satisfactorio».
O impulso da candidatura continúa esta fin de semana coa visita á cidade e ás Cíes de destacados «influencers» internacionais que realizarán fotografías e vídeos para subir a Instagram. Segundo explicou Abel Caballero, estarán na cidade 11 «influencers» desta rede social, que son persoas cun número elevado de seguidores que acadan repercusión coas súas publicacións; entre eles está o español Oliver Vegas, fotógrafo profesional recoñecido internacionalmente. Ademais, os outros participantes proceden de toda Europa: Reino Unido, Francia, Portugal e España, teñen seguidores en todo o mundo e conseguen unha media de 33.000 «gústames» nas súas publicacións; «entre os 11 teñen case 1.500.000 seguidores, o que implica que mañá pola mañá 1.500.000 persoas van visitar as Illas Cíes».
O programa da xornada comeza ás 10:00 horas da mañá cunha travesía dos «instagramers» en goleta ata o arquipélago onde, tras desembarcar, irán camiñando ata a Illa Sur, nun paseo que van transmitir nas redes sociais a través das súas imaxes e vídeos compartíndoos con todos os seus seguidores aos que amosarán a experiencia. Para o alcalde «este é un magnífico modo de seguir mostrando a capacidade e calidade das Illas Cíes e, ao tempo, de amosar en Instagram a gastronomía viguesa».
Desta maneira, o Concello segue coa promoción da candidatura das Illas Cíes como Patrimonio Natural da Humanidade e construíndo a marca Cíes que, para o alcalde, «está tendo unha enorme pegada». Segundo explicou, está en proceso o deseño do calendario para a proposta da candidatura no que se terán en conta outras candidaturas galegas que tamén están optando a este recoñecemento, xa que Vigo non quere entrar en colisión con outros territorios.