Antía empezou a cantar desde moi pequena e participou en programas como O Pequeno Gran Show na TVG, pero foi aos 18 anos cando comezou a estudar canto na Escola de Música e Danza MaiSon. Aí foi cando, xunto coa súa amiga Saray Losada, decidiron apuntarse ao concurso Tes Talento?, que se realiza na veciña localidade do Porriño, no que acadaron o 2º posto.
En 2014 Antía Caride presentouse de novo a Test Talento? e nese caso, en solitario, conseguiu quedar en primeiro lugar. A partir de aí seguiu estudando música pero centrouse máis nos seus estudos académicos.
Foi neste mesmo ano 2017 cando a súa parella e a súa nai decidiron apuntala ao concurso ‘Gana con tu voz’, evento colaborador co Casting de ‘La Voz’, no cal se disputan grandes premios como o pase directo á última fase de Casting de ‘La Voz’ e tamén a oportunidade de participar na gran final de ‘Gana con tu voz’, na que os finalistas loitarán pola gravación dun single co produtor musical Tony Sánchez Ohlsson (produtor de grupos como Sweet California).
Xunto con Caride reuníronse en Vigo, no Centro Comercial Gran Vía, máis de 260 participantes no concurso de ‘Gana con tu voz’ que se celebrou a principios do pasado mes de abril e constaba dunha preselección, dúas semifinais e unha final.
Antía chegou á final e, a pesar de non gañar, o xurado formado polos cantantes Angy e Jorge González e o produtor Tony Ohlsson, déronlle a oportunidade de poder asistir como participante na gran final de ‘Gana con tu voz’ que terá lugar este próximo sábado e loitar pola gravación dun single.
O concurso leva sumado xa máis de 2.500 participantes, aínda que á gran final de Madrid só conseguiron ir uns 30 afortunados aproximadamente, entre os que se atopan a mosense Antía Caride.