A serie ‘Auga Seca’, drama policial situado no tráfico de armas e estreado o pasado ano en RTP, TVG e HBO, regresará cunha nova temporada que inicia a súa rodaxe o vindeiro 1 de febreiro en Vigo. Coas “máximas medidas sanitarias e protocolos de prevención da Covid-19”, a gravación estenderase ata mediados de marzo en Vigo e arredores, para logo desprazarse ata Lisboa, onde finalizará a comezos de abril.
Nesta segunda temporada, que terá oito episodios de 50 minutos, ‘Auga Seca’ afondará nas orixes dos negocios da familia Galdón e os seus conflitos coa familia de Teresa, a protagonista interpretada pola actriz portuguesa Victoria Guerra. No elenco repiten actores galegos e lusos coma Monti Castiñeiras (Mauro Galdón), Sergio Pazos (inspector Viñas), Eva Fernández (Irene), Belén Constenla (Dulce) ou Adriano Luz (Lázaro), xunto a novas incorporacións ao reparto que revelaremos proximamente.
‘Auga Seca’ é unha serie de Portocabo coproducida coa produtora portuguesa SPi para a Rádio e Televisão de Portugal e a Televisión de Galicia. HBO España e Portugal estrearán en primicia esta segunda temporada. A primeira entrega, xa dispoñible, é a primeira serie en versión orixinal en galego que se emite nesta plataforma.
Toño López volve asumir a dirección canda o realizador portugués Sérgio Graciano e baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, de Portocabo, creador da serie, e de José Amaral de SP-i. O guión corre a cargo de Carlota Dans, Roberto G. Méndez, Miguel Simal, Alfonso Blanco, Nina Hernández e Ana Míguez; a dirección de fotografía é de Lucía C. Pan e Manuel Pintos, e a música de Elba Fernández e Xavi Font.