Auga seca, a nova serie rodada en Vigo e Lisboa para a RTP e Televisión de Galicia, puido verse por primeira vez na TVG no prime time do domingo. Este thriller sobre o tráfico de armas estreouse ante a audiencia cun 8,1% de cota de pantalla composto por un público maioritariamente urbano comprendido entre os 24 e os 45 anos. Acadou ademais un gran 60% de fidelidade entre as preto de 127.000 persoas que sintonizaron coa serie nalgún momento.
Deste xeito, esta ficción de 6 capítulos de 50 minutos que foi rodada o pasado verán entre Vigo e Lisboa, conseguiu «unha boa acollida«, tal e como comenta Alfonso Blanco, produtor executivo da serie. «Auga Seca é unha serie que está a ser moi ben recibida pola audiencia, tanto na súa emisión en RTP como agora en TVG, e como xa sucedera na súa presentación internacional no pasado MIPCOM», explica.
Tráfico de armas entre Galicia e Portugal
Auga seca comeza coa morte de Paulo Duarte no porto industrial de Vigo. Un aparente suicidio que non convence aos seus xefes, nin á policía, nin á súa irmá Teresa -a actriz portuguesa Victoria Guerra-, que se muda de Lisboa a Vigo. Aquí empeza a traballar na empresa onde estaba Paulo, co obxectivo de descubrir o que pasou. Guerra traballa ao lado dos recoñecidos actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos como protagonistas. Tamén están os actores galegos Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e os portugueses Adriano Luz, Joana Santos, Igor Regala e João Arrais.
Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de José Amaral de SP-i e Alfonso Blanco de Portocabo, creador da serie. O guión correu da conta de José Rubio, Carlota Dans, Lidia Fraga, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez, a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte, de Andrea Pozo, e a música, de Elba Fernández e Xavi Font. Sumando forza a este equipo internacional atópanse destacados profesionais do grupo SP Televisão, ao que pertence SP-i, cuxas series foron premiadas nos prestixiosos International Emmy Awards.
Portocabo continúa así a súa liña de ficción internacional tras a exitosa e multipremiada Hierro, a primeira serie orixinal Movistar+ en coprodución con ARTE France e Atlantique Productions, e Vidago Palace, a súa anterior coprodución entre Galicia e Portugal.