O mércores 11 de abril, a partir das 22:00 horas, o equipo vigués participará na final do programa ‘Got Talent’ de Telecinco. Xa sorprenderon na primeira fase e na semifinal, pero a coreografía da final é superior en dificultade á dos dous exercicios anteriores e con elementos moi sorprendentes.
O conxunto desta cita decisiva estará formado por once deportistas, os dez que participaron na semifinal (Samuel Meilán, Manuel Rodríguez, Samuel Alves, Jorge Posada, Iago Davila, Hugo Davila, Sara Davila, Celia García, Alicia Pérez e Eva Morales), máis o taekwondista que por lesión non puido participar nela (David Boquete).
Entre eles hai medallistas europeos ou mundiais coma Samuel Meilán, Manuel Rodríguez ou Samuel Alves. O máis veterano é Meilán con 34 anos e a benxamina é Eva Morales, con nove.
O programa emítese en directo e o público terá un papel fundamental. Cando chegue o momento da actuación do Tao, aparecerá en pantalla un teléfono e haberá só dez minutos para votar nese número. E deses votos depende o resultado, xa que nesta oportunidade o xurado non intervén na decisión do gañador do concurso.