Vigo acollera este mércores 29 de xaneiro a preestrea da mini serie ‘Auga Seca’, a nova aposta da TVG para a súa programación de ficción, que iniciara a súa rodaxe na cidade olívica o pasado mes de xuño. Trátase dunha coprodución galego-portuguesa protagonizada pola actriz lusa Victoria Guerra e os actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, que emitirá o seu primeiro capítulo en televisión o domingo 2 de febrero.
Con todo, catro días antes o teatro García Barbón acollerá un evento especial para proxectar ese episodio piloto, de 50 minutos de duración. O equipo da mini serie, que consta de seis capítulos, estará presente desde ás 19.00 horas para atender aos medios de comunicación e conectar en directo co programa ‘Fun polo aire’.
Tras pasar polo ‘photocall’ instalado para a ocasión, os produtores da serie farán unha presentación oficial e, a continuación, será cando se poida ver ese primeiro episodio de ‘Auga seca’. Haberá a ocasión de comentar o inicio da serie durante o cóctel que se servirá ao remate da proxección.
Este ‘thriller’ xira arredor do tráfico de armas e do crime organizado, fortemente conectado á realidade e á época actual. Neste contexto, a historia comeza cando Teresa regresa a Vigo desde Lisboa para pescudar a verdade sobre o suposto suicidio do seu irmán, ao tempo que a investigación policial terá que desentrañar unha rede delituosa acostumada a agocharse baixo unha legalidade aparentemente perfecta.
Eva Fernández, Paloma Saavedra, Santi Romay, Cris Iglesias, Adrián Ríos e João Arrais tamén forman parte do elenco desta nova serie. Toño López asume a dirección baixo a produción executiva de Alfonso Blanco, quen tamén asina o argumento xunto con Pepe Coira, Araceli Gonda, José Rubio, Eligio Montero, Carlos Portela e Ana Míguez. No guión traballan Lidia Fraga, Carlota Dans, José Rubio e Eligio Montero, a dirección de fotografía é de Ricky Morgade, a dirección de arte, de Andrea Pozo, e a música, de Elba Fernández e Xavi Font.
AUGA SECA TRAILER INTERNACIONAL from Portocabo on Vimeo.