Como naceu a Vide de Cachín?
Primeiro pola necesidade de poñer en valor un dos puntos fortes de Galicia agora mesmo no mundo enteiro como é o viño. E despois, como dicimos case sempre no final do programa, como unha boa escusa para laretar, papar, beber e ser felices. Dou fe que iso conseguímolo na gravación. Agora veremos se somos quén de transmitilo.
O viño non é entón o único protagonista do programa?
Non, porque este non é un programa de viño como podían ser outros que se fixeron con anterioridade ou que botan noutras canles autonómicas. Aquí o que buscábamos era á xente que fai viño, falar de e con eles. Esta é unha terra onde ou tes unha vide ou coñeces alguén que ten unha. Estamos moi unidos ás nosas viñas. E os urbanitas que pode que estean un pouco menos unidos á terra, como o papel que fago eu no programa, teñen paixón polo viño etiquetado, e dese tamén imos saber un pouco máis.
Terá doses de humor ou isto vai en plan documental?
Nun programa no que está Cachín o sorriso está garantido. O mellor profesor para min é aquel que ademáis de ensinar é capaz de entreter. Pero se contamos tamén con presenzas como a de Manquiña, Morris, Fede Pérez ou Isabel Blanco que pasarán polas nosas catas a cegas, o punto de humor non ten dúbida. Iso non quita para que vendo A Vide de Cachín penso que fas un máster acelerado sobre cultura vinícola.
O programa podería titularse entón, Os amigos de cachín…
Claro, por suposto. Esa é a filosofía, xente que ve como se van podando as vides, como se fan as trasfegas, o fumigado…a vendima e o embotellado. Xentes que fan viño, que están pendentes de que o seu viño sexa o mellor e logo, por suposto, compartilo nunha boa mesa con algo de picar.
E hai relación entre o viño e o fútbol?
Moitísima. É un mundo moi competitivo, onde hai que mesturar a tradición coas novas tecnoloxías, pero sempre mirando ao ceo e a terra. Galicia era unha terra de bos adegueiros, pero que competía en ligas menores. Agora, grazas a xente como Fonseca, Rojo, Palacios, Cachín e moitos outros estamos na Liga de Campións dos viños e, as veces, ata a gañamos.