Por primeira vez desde o seu nacemento en 2014, o equipo UVigo Motorsport rodará o seu monopraza en tres circuítos da competición Formula Student no mesmo verán. Unha tripla cita que acaban de confirmar tras rematar satisfactoriamente os procesos de selección. Así, o UM21 correrá polas pistas de Assen (Holanda) do 4 a 8 de xullo; de Montmeló do 3 ao 9 de agosto e en Hockenheimring (Alemaña) do 16 ao 22 de agosto. Os estudantes vigueses acadaron unha cuarta clasificación, para competir en Hungría pero, pola coincidencia de datas coa proba de España, víronse obrigados a renunciar.
A realización da probas de selección para os diferentes circuítos tivo lugar nestas últimas semanas, coincidindo coa celebración dos exames do primeiro cuadrimestre, o que requiriu dos membros do equipo un esforzo extra. Estes test, explican, “requiren moita dedicación para todos os departamentos de UVigo Motorsport e, sobre todo, moito tempo. Non obstante, a pesar do estrés, todos demos o mellor de nós para saír adiante”, clasificándose en Hungría, Alemaña e Países Baixos, ademais de España, na que xa estaban clasificados grazas aos bos resultados obtidos o ano pasado.
Actualmente o equipo está conformado por 49 estudantes dos campus de Vigo e Ourense pertencentes a múltiples titulacións, non só do eido da enxeñaría. Traballan divididos nos seis departamentos que este ano conforman UVigo Motorsport: dinámica, que se encarga dos sistemas de suspensión, dirección e freado do monopraza; propulsión, centrado no mapa motor, sistema de refrixeración, desenvolvemento de sistemas de admisión e escape; chasis e aerodinámica; electrónica e programación, encargado do deseño de placas e implantación de esquemas eléctricos; organización e marketing, que se ocupa da planificación do proxecto e contacto con patrocinadores e medios de comunicación e o departamento de coche autónomo, que a partir do procesado de imaxes e xestión de actuadores conseguirá que o monopraza recorra os circuítos nos que a partir do ano 2022 competirán de xeito autónomo.
Como explica Manuel Alonso, responsable do Departamento de Organización e Marketing do equipo, esta será a primeira vez que compitan en tres circuítos na mesma tempada. “Supón un reto que estamos orgullosos de afrontar nunha época de dificultades”, recoñece. “Non sabemos o que poderá pasar de aquí á data das competicións, pero estamos traballando sen descanso dende todos os departamentos” coa vista posta na primeira das citas, en xullo en Países Baixos, case un mes antes que a seguintes, “o que nos obriga a traballar a contrarreloxo co obxectivo de ter o monopraza UM21 o antes posible para así empezar a rodar e realizar probas de cara á competición”.
Os estudantes asumen que esta tempada supón un gran desafío, pero “vemos o noso futuro con positividade e optimismo”. Os resultados das probas realizadas ao longo da tempada amosaron “resultados realmente alentadores e estamos orgullosos de ter a posibilidade de demostrar o valor do noso traballo e esforzo nas próximas competicións”.
A pandemia da Covid-19 alterou enormemente o traballo diario de UVigo Motorsport. Tras suspendérense as competicións de Formula Student o pasado verán e verse obrigados a deixar de lado o UM20, neste curso “realmente atípico” todas as esperanzas están depositadas no UM21 que rodará este verán. Durante esta etapa de fabricación do monopraza, unha da principais tarefas dos estudantes é comprobar as propiedades do monocasco. “Para iso, encargámonos de preparar unhas probetas co laminado do monocasco para garantir que compre coa normativa establecida por Formula Student Germany”. Ademais, explican, “estamos traballando arreo nos trapecios da parte dinámica, ademais dos compoñentes fundamentais da parte aerodinámica”.
Para seguir levando a cabo os procesos de fabricación de sistemas, pezas e en xeral, do coche, foi necesario un gran estudo previo por parte de todos os membros do equipo, tanto dos veteranos como das novas incorporacións deste curso. “Podemos destacar o auxe do Departamento de Coche Autónomo, que traballa na robotización de monoprazas xa creados para que realicen as diferentes probas de xeito autónomo, é dicir, sen un piloto que conduza o coche”. O equipo estima poder implantar este sistema no próximo monopraza, o que corresponderá á tempada 2022.
No que se refire ás competicións, dende o equipo universitario agardan que as medidas que se apliquen a este tipo de eventos, que adoitaban ser multitudinarios, “serán máis que notables”. Polo momento, e mentres non se definan as restricións locais e nacionais sobre os desprazamentos, no equipo seguen a traballar “de forma responsable” coa esperanza de que nos meses estivais a situación sexa máis segura que a do verán pasado e as probas se desenvolvan sen problemas. Con todo, resaltan que aínda que as competicións achegan “unha vivencia única e axudan a posicionar o equipo nun ránking europeo”, o seu principal obxectivo non é a competición, “senón a superación ano tras ano, algo que caracteriza a este equipo”. De feito, subliñan que os cambios nos monoprazas foron evidentes ano tras ano, “calquera pode ver o progreso do proxecto botando a vista atrás, dende o monocasco ata a aerodinámica, pasando por unha simplificación dos sistemas electrónicos”. Así, a aprendizaxe e maduración do equipo “materializouse nun novo vehículo que cada ano era máis competente e eficaz que o anterior”.