O rexedor explicou que este ano o rallye terá o seu epicentro en Vigo tamén a nivel competitivo. «Estamos moi satisfeitos de que o rallye continúe a súa andaina e de que singularmente teña o seu ámbito en Vigo», pois haberá dous tramos no monte do Castro (venres 17) e dos nove tramos previstos para o sábado tres terán ao monte Alba como protagonista.
Caballero lembrou que a competición no Castro «fixémola en 2012 e 2013 e foi moi notable presenciar o rallye nese percorrido» de 2,27 quilómetros, e alegrouse de que o evento siga crecendo «nun deporte con tanta movilización. En Vigo o automóbil é unha esencia e unha identidade cultural, ter o rallye aquí é da maior importancia», concluíu.
Pola súa banda, Chema Rodríguez, director xeral do grupo Recalvi, apuntou que foi un «compromiso persoal» seu dar máis protagonismo a Vigo na proba: «Era un rallye que se facía moito polo interior e entendemos que hai que achegalo á cidade». Por iso recupéranse os tramos do Castro e do monte Alba. Naquel, grazas ao permiso federativo, «haberá unha novidade: para que a xente non se aburra van saír os vehículos de medio minuto no medio minuto. Vanse a ver case dous ou tres vehículos ao mesmo tempo».
Rodríguez anunciou unha loxística espectacular: «Temos 600 persoas para seguridade, é un despregue importantísimo e a verdade que este ano o orzamento váisenos porque O Castro lévase un terzo do mesmo, pero é un compromiso adquirido».
A proba, con 110,05 quilómetros, terá 160 coches… «pero hai 28 en reserva, e isto non se deu nunca. Cando eramos Campionato de España tiñamos 70-80. O Campionato Galego está agora a unha altura incrible e é o mellor da península con diferenza», dixo Rodríguez. O rallye pasará tamén por Nigrán, Gondomar, O Porriño e Salceda de Caselas.