A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) organiza por terceiro ano consecutivo a ‘Copa Mörling’ de dornas a vela, unha proba que naceu como mostra de agradecemento á labor realizada en prol da salvagarda das embarcacións tradicionais galegas polo etnólogo e antropólogo sueco Staffan Mörling.
O circuíto desta edición estará formado por cinco regatas.
A copa arrancará en Portonovo o 15 de xuño e finalizará, o 31 de agosto, na Illa de Arousa.
As regatas de dornas a vela, lonxe de ser unha mera competición deportiva, son unha demostración de saberes tradicionais que forman parte do rico patrimonio inmaterial que supón a navegación tradicional con vela de relinga.
Co obxectivo de promover e estimular a partipación neste tipo de eventos, Culturmar conseguiu en 2022 unificar catro regatas de dornas a vela que xa existían en Galicia (Portonovo, Cambados, O Grove e A Illa de Arousa) e engadiu unha nova, a de Combarro, para crear a ‘Copa Mörling’.
Ao longo de dous meses, as vilas de Portonovo, (XV Regata do Sepelo- 15 de xuño), Cambados (VII Regata do Salnés- 6 de xullo), O Grove (XXXV Regata dos Faros- 27 de xullo), Combarro, (III Regata da Reiboa- 24 de agosto) e A Illa (Triángulo do Cantiño- 31 de agosto) serán escenario das cinco regatas desta terceira edición da ‘Copa Mórling’.
O presidente de Culturmar, Xosé Luis Sacau, asegura que chegar á terceira edición deste campionato demostra que se trata dunha competición “en vías da plena consolidación” e que axuda a manter viva a cultura das dornas.
Por riba do espírito competitivo da copa, “que pode animar á xente máis nova a participar”, está o feito de que “poidamos ver nas rías trinta ou corenta dornas navegando e gocemos da súa plasticidade e elegancia no mar”, asegura Sacau.
Pola súa banca, Héctor Suárez, presidente da Escola de Navegación Tradicional ACD Dorna da Illa, lembrou que o compromiso da recuperación das dornas xa comezou 40 anos atrás coa primeira edición da Volta á Arousa.
“Corenta anos levamos facendo cousas para que esta tradición non desapareza e a cultura das dornas siga viva”, explicou. Engadiu que se trata de embarcacións típicas das Rías Baixas “e non debemos permitir que se perda a súa forma de navegar. Catro décadas despois, na Illa temos unha frota importante de dornas e patróns comprometidos”, lembrou o responsable da asociación. “Nós poñemos todo o tempo e as ganas, pero as axudas das institucións son fundamentais”, puntualizou.
Na presentación da III Copa Mörling tamén estivo presente o deputado de Pontevedra Javier Tourís, quen comprometeu un ano máis a axuda económica da Deputación e agradeceu “todo o traballo e o tempo” dos colectivos a prol da conservación do patrimonio marítimo. “A provincia de Pontevedra é un gran tapete de actividades deportivas e culturais”, afirmou Tourís.
Por parte do Concello da Illa, estiveron na presentación o alcalde, Luis Arosa, e a concelleira de Educación e Mar, Elena Otero, quen quixo poñer en valor o tempo que os colectivos como ACD Dorna dedican á conservación da tradición mariñeira.
A edil incidiu na necesidade de transmitir ás novas xeracións esta tradición. “Deben saber que existe outro tipo de deporte. Que do mar, vívese, pero que tamén se desfruta”, engadiu. O rexidor arousán falou da navegación en dorna como “unha maneira de desconexión e de desfrute” e reiterou o apoio do Concello á este tipo de actividades.
Os colectivos que apoian a Culturmar na organización deste campionato son a Asociación A Torre de Cambados, A Reiboa de Combarro, a Asociación Amigos da Dorna de Portonovo, a Asociación Cultural e Deportiva Dorna da Illa de Arousa e a Dorna Meca do Grove.
A ‘Copa Mörling’ terá un sistema de puntuación para estimular a participación das dornas. Ao final desta competición, haberá un trofeo para as embarcacións que queden nas tres primeiras posicións no cómputo xeral. Ao finalizar cada regata, haberá unha xornada de convivencia entre as persoas participantes.