A Deputación de Pontevedra revalida o seu apoio á Regata Trofeo Príncipe de Asturias 2022, unha das competicións de vela máis importantes do panorama internacional que organiza o Monte Real Club de Iates de Baiona. A institución provincial destina 10.000 € para promocionar este evento, consolidado como un dos grandes reclamos do calendario náutico de Galicia e do resto do Estado, pola súa incidencia e contribución á difusión da imaxe da provincia e de Baiona como destino turístico por todo o mundo.
Para a Deputación o apoio aos grandes eventos deportivos que teñen unha incidencia especial na promoción do destino Pontevedra Provincial é un obxectivo prioritario, tamén recollido na súa estratexia turística. Deste xeito, mediante esta achega preténdese apoiar unha iniciativa deportiva que contribúe a promover o destino, desestacionalizar o turismo, crear postos de traballo fora de tempada, xerar fluxos de persoas visitantes e dinamizar o sector turístico de Baiona e do conxunto da provincia.
O Trofeo Príncipe de Asturias leva realizándose dende 1986 de forma ininterrompida en augas da baía de Baiona, fronte ás Illas Cíes. É a cita máis relevante do calendario deportivo do Monte Real Club de Iates de Baiona que neste 2022 terá lugar entre o 2 e o 4 de setembro. Cada ano concentra a preto dun millar de persoas na vila e mantén unha tendencia crecente de afluencia do 7% ano tras ano.