Por segundo ano consecutivo, a ‘Pereka’, tripulada por José Antonio Dorado e Alberto Vicente, fíxose co primeiro posto da Copa Mörling de dornas a vela. A última das probas, decisiva para coñecer os primeiros postos da clasificación final do campionato galego, tivo lugar en Bouzas, na Regata Cabo de Mar, unha proba de fondo que concentrou a 17 embarcacións, con máis de 8 millas de percorrido de ida e volta entre o peirao de Bouzas e a illa de Toralla.
O segundo posto da clasificación xeral da Copa Mörling foi para a dorna cambadesa ‘Abuelo Tucho’, tripulada por Álvaro Vidal e Ángel Iván Agra. Os terceiros foron Braulio García e Jarri Dios como patrón e teste da dorna arousá ‘Nécora’.
Nesta segunda edición do campionato galego de dornas a vela participaron case 50 embarcacións disputando seis regatas nos portos de Portonovo, Cambados, A Illa, O Grove, Combarro e Bouzas, entre o 17 de xuño e o pasado 9 de setembro. A entidade organizadora deste circuíto de regatas é a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar).
Pablo Carrera, membro da directiva, destacou a importancia da Copa para homenaxear e lembrar o traballo do antropólogo sueco Staffan Mörling no estudo e salvagarda da tradición galega de embarcacións tradicionais.
Dorado e Vicente, patrón e teste da ‘Pereka’, respectivamente, mostráronse felices polo triunfo e recoñeceron as dificultades desta segunda edición para revalidar a vitoria final. “O ano pasado a última regata non era decisiva. Nesta chegamos con só un punto de diferenza e houbo que gañar hoxe para ter o título”, afirma José Antonio Dorado.
Carrera agradeceu o apoio institucional da Consellería do Mar da Xunta de Galicia e da Deputación de Pontevedra, favorecendo a celebración das regatas. Na entrega de premios estiveron presentes en Bouzas representantes de ambas as dúas institucións: Ana Ortiz como delegada da Xunta en Vigo e Marta Fernández-Tapias como vicepresidenta da Deputación pontevedresa e deputada de Cultura e Deportes.
Regata Cabo de Mar
O primeiro posto da ‘Pereka’ na Regata Cabo de Mar, organizada pola Asociación de Mariñeiros San Miguel de Bouzas, foi decisivo para facerse co título de gañadora da Copa Mörling. O segundo posto na proba de Bouzas foi para a dorna ‘Nécora’ e o terceiro, para a ‘Xarandeira’.
Na entrega de premios, ademais das autoridades, tivo un papel protagonista a familia Mörling. Despois de que o seu fillo Lorenzo participase en dúas regatas desta edición, o acto contou coa presenza da viúva do antropólogo sueco, Chefa Otero, dunha das netas, Charlotte Mörling, e mesmo do seu primeiro bisneto, que leva o nome do ilustre investigador, Staffan.