Para afondar na consolidación desta actividade, Portos de Galicia está a propiciar a apertura de rutas de navegación específicas tanto con centroeuropa como co norte de Portugal a fin de beneficiar ao conxunto dos peiraos autonómicos e no caso dos intercambios co país luso, nomeadamente aos do sur galego, como Baiona.
A Consellería do Mar, a través do ente público Portos de Galicia, está a establecer os contactos para impulsar intercambios náuticos entre os portos do sur de Galicia e o norte de Portugal. Así o trasladou este xoves o presidente do ente público, José Juan Durán, nunha visita ao Porto Deportivo de Baiona, un dos municipios beneficiarios potenciais desta nova vía de negocio.
Con este obxectivo, Portos de Galicia vén de asistir a diversos eventos náuticos internacionais como o Salón Náutico de París e o ‘Boot’ Dusseldorf, en Alemaña. O fin último destas reunións “é consolidar os portos galegos como puntos de atraque nas rutas que realizan os navegantes europeos”, explicou Durán Hermida en Baiona.
“Baiona é o primeiro municipio de excelencia turística de Galicia e dende aquí potenciamos todo tipo de turismo, dende o gastronómico, cultura ou etnográfico ata o náutico. Grazas ao Monte Real Club de Yates e ao Porto Deportivo temos os mellores datos de Galicia en tránsitos de barcos, unha visitas que traen moitos turistas a Baiona e que axudan tamén a desestacionalizar o turismo durante todo o ano y que redunda en todo o comercio, polo que seguimos a traballar para mellorar eses datos”, apuntou o alcalde, Ángel Rodal.
O presidente de Portos explicou tamén que durante os encontros mantidos en ambos salóns quedou de manifesto o interese en firme de entidades estranxeiras por chegar a acordos marco nesta liña, así como por promocionar tamén as embarcacións clásicas e veleiros. Finalmente Durán explicou que a estas liñas de actuación sumarase así mesmo o impulso á chegada dos chamados rallies marítimos e catamaráns de grandes dimensións. Trátase de dúas modalidades de negocio náutico que ata o momento viñan estando pouco exploradas na nosa comunidade e que agora se pretenden explotar como una vía máis para o reforzo da rendibilidade económica dos portos deportivos de titularidade autonómica.