Nesa data, na maioría dos recunchos de Galicia se conmemora o aniversario deste idioma que é, ademais, un símbolo da nosa identidade como galegos, por riba de tendencias políticas e incluso por riba do desprezo dos seus detractores e daquelas persoas que pensan que o único e o auténtico galego e o seu, exclusivamente, esas persoas coñecidas como talibáns da lingua e que tanto mal fixeron e están a facer ao noso idioma. Porque o galego é de todos nós, os que dominan a súa gramática dende o punto de vista académico, os que aprenderon o galego como a primeira lingua materna, e tamén dos que nunca tivemos a oportunidade de aprendelo ata moi entrados en anos, os que o falamos mal e o escribimos aínda peor. O galego, insisto, é de todos, sen distinción de ningún tipo.
E con respecto a esta conmemoración convén facer un pouco de memoria porque moita xente descoñece a súa orixe. A idea da celebración do Día das Letras Galegas xurdiu o 20 de marzo do ano 1963 da man de Ferro Couselo, Gómez Román, e Fernández del Riego, para conmemorar o centenario da publicación de “Cantares gallegos”, de Rosalía de Castro, que marcou un decisivo e fundamental punto de inflexión na cultura galega. Por descoñecemento da data exacta da publicación, estes galeguistas elixiron o 17 de maio, que foi a data na que a propia Rosalía adicoulle a devandita obra ao poeta Fernán Caballero.
Ao cabo do tempo, o día 17 de maio, a propia Xunta de Galicia promove actos institucionais nos que proliferan os discursos, aparentemente cheos de razón e de sentimentos, sen esquecer as boas intencións. Pero, que vai pasar ao día seguinte da celebración, á seguinte semana, o resto dos seguintes meses ata a seguinte conmemoración? Non pasará nada, ou cada ano pasarán menos cousas en prol do galego. O resto dos días do ano, o galego seguirá desfalecendo un pouco máis como consecuencia do abandono, da carencia de intencións reais e das palabras baleiras no día da celebración. O goberno galego, pola súa parte, co presidente Núñez Feijóo na súa fronte, ten grande culpabilidade pola carencia de actuacións concretas, canto menos, para manter o seu nivel de importancia en todas as frontes da vida cotiá: na prensa, nas publicacións, na carencia dunha enciclopedia galega online, na vida académica, na vida cultural, na nosa fala de todos os días… Pero o certo é que a Xunta de Galicia non é a única responsable desta desfeita, deste asasinato premeditado por uns e axudado pola incompetencia doutros. Que fan os organismos encargados de manter a salvo o galego? Está claro que as medidas que toman son insuficientes. As publicacións en galego están abandonadas das axudas institucionais, a presencia do galego en internet está falta de dinamización, na vida académica nunca se falou tan pouco en galego como agora, aínda que algunhas persoas sigan a pensar que todo isto é unha esaxeración.
Curiosamente, cando Manuel Fraga era o presidente da Xunta de Galicia, o galego experimentou un forte impulso en todos os niveis, e quen ía dicir daquela que hoxe, ao cabo dos anos, e de novo cun goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia, o galego ía quedar practicamente abandonado e case esquecido en aras dunha lexislación inadecuada, dunhas medidas de apoio insuficientes, e, tamén, dalgunha equivocada complicidade con quen representa —-ou representaba—- o sector máis antigaleguista de Galicia. En fin, o galego morrerá de xeito inexorable se a única acción para axudalo é a conmemoración do Día das Letras Galegas e o resto do ano non se fai absolutamente nada.