O coñecemento de idiomas sempre foi moi importante como medio de comunicación oral e escrita. Entre os idiomas que agora forman parte dos currículums formativos e dos demandados no eido laboral destaca o inglés, o francés, o alemán, o italiano… Porén, o galego tamén debe entrar a formar parte dese conxunto de opcións comunicativas en toda Galicia. A situación real é que, tal como van as cousas, e coa desidia das autoridades responsables da súa dinamización, aínda que non chegue a desaparecer, o certo é que pasa por unha época escura, sobre todo, nunha cidade tan importante como Vigo.
A cidade de Vigo é a máis industrial, a máis grande e a máis poboada de Galicia, pero tamén é onde menos se fala en galego. Basta con dar unha volta polos principais comercios da cidade, observar as conversas das cafeterías e dos transportes públicos, o incluso as conversas dos viandantes, para darse de conta que falan en español. Conclúese que o idioma galego non é moi empregado entre os cidadáns de Vigo.
Moitas persoas que traballan e viven na cidade de Vigo, cando viaxan a Portugal falan en español sen esforzarse demasiado en comunicarse en galego, un idioma que os portugueses das poboacións fronteirizas entenden perfectamente e o agradecen pola proximidade da lingua e do país. E agradecerían moito máis se o esforzo fora no propio idioma portugués, tan próximo ao galego.
Sería necesario facer un estudio sociolóxico sobre o complexo que demostra a cidadanía de Vigo á hora de utilizar a lingua galega en todos os ámbitos da vida cotiá. Isto non ocorre, en cambio, na cidade de Ourense, nin tampouco na cidade de Pontevedra, nin tampouco en pequenas poboacións da área de influencia viguesa: O Porriño, Tui, Redondela, Cangas, Moaña… É algo moi curioso. E triste.
Tamén é preciso comentar que, duns anos a esta parte, existe unha relaxación por parte da Xunta de Galicia con respecto á dinamización do idioma galego. Basta observar as intervencións de moitas e moitos políticos que falan en español dando un mal exemplo, coma se fora unha deshonra falar en galego. É evidente que a moitas desas persoas lles resulta máis doado falar en español, e o lóxico é que valoremos a súa capacidade, pero non se lles ve ningún esforzo en falar no idioma do país no que exercen o seu posto de responsabilidade pública.
Noutros tempos existía a obriga de utilizar o galego como mecanismo de comunicación oficial. Os centros escolares, nos que se fragua o coñecemento e a costume de utilización da fala, tiñan a obriga de comunicarse en galego na fala e na escrita. Hoxe as costumes son outras. Fálase o galego en moitas poboacións, na meirande parte do ámbito universitario e dos institutos de educación, certo, pero no sector do comercio vigués e da maioría das industrias do entorno desta cidade fálase en español.
Na televisión galega tamén se observan varias incongruencias neste sentido, pero no son culpa da propia televisión, na que todos os equipos falan en galego, senón de participantes nativos galegos que nas entrevistas responden en español con total indiferenza. Iso son situacións cada vez máis frecuentes e fan moito dano ao idioma. Xa se sabe que o español ten unha audiencia moito maior, non cabe dúbida, pero a audiencia galega nunca vai medrar se non se dinamiza entre todos nós, cada quen na súa parcela.