Aqueles anos setenta, de principio a fin, sen desperdicio algún, anos nos que se aceleran as mudanzas sociais e políticas, incubadas na preparatoria década dos sesenta. Algo do que vou relatar é memoria persoal entreverada do propio relato saído dos beizos de Manolo Nandin.
Dous escenarios, Casa Gazpara, na Praza da Princesa, naqueles días que acompañaba no xantar ao seu sogro o señor José en cadeira de rodas, coas pernas amputadas, a Praza da Constitución tan perto, na que os domingos contra as doce da mañá deica ás dúas puña unha mesa con material do PCE ( m-l ), o Vanguardia Obrera e textos desta editorial, mesmo obras de Josif Stalin.
A poucos metros, nós, PCPG, coa familia do paseado no trinta e seis Ramón Conde e outros camaradas, situabamos tamén mesa co Nuevo Rumbo e publicacións soviéticas e leninistas. . Anos oitenta. Co tempo Nandin tamén pasaría a ser parte do PCPG.
Outro escenario a Rúa de Santiago, tan segreda e complexa nos seus afectos. Antes de ter eu consciencia Manolo Nandin traballara na Rúa para Toñito, o dos metálicos ou somieres, tamén propietario e rexente do bar Tapitas, un tipo fabuloso. Pois ben, esto contoumo o propio Nandin, pero puido ser verificado por min nunha visita que lle demos a Toñito, mesmo tivemos alí unha xuntanza política a miña volta das Canarias para Vigo.
Un tercer escenario de encontro, a contorna da Rúa Progreso, onde moraba, e Príncipe e Casa Puentes. Todos estes lugares son próximos, definen o Vigo Vello e Centro, por medio Porta do Sol e Castelo de San Sebastián, as andanzas máis cotiás e añosas das nosas vidas migradas.
Coincidía nestes últimos tempos do meu regreso a Vigo moito con Manolo acompañado do can, sempre afable un aquel retranqueiro, apertando a man dura con forza. Tamén en concentracións e manifas.
Non esquezo a sua afección ao coleccionismo de pegatinas, asistindo a encontros desta natureza.
Voume quedar coa sua asistencia a un acto que organizamos as asociacións No Ollo do Furacán e a Asociación de Eslavos en Galicia, con motivo do centenario da Revolución Rusa. Fora Nas Tapas de José, xa prematuramente desaparecido este local, na Rúa Ecuador. Trala palestra e debate ficamos nunha cea de irmandade. 2017. Nesa ocasión Manolo Nandin deixou constancia e pegada do seu bo humor, serenidade, xenerosidade para os amigos e camaradas e optimismo histórico. Manolo Nandin permanecerá nos pliegues das rúas, das loitas e da nosa memoria cada vez que paseemos, loitemos ou recordemos.