Son Braulio Amaro Caamaño (nº historia clínica 469164), enfermo de cancro de próstata. O 17 de outubro foime comunicada a presencia dun tumor na próstata despois da realización da biopsia. Uroloxía inicia o procedemento habitual neste casos: tratamento hormonal, resonancia magnética e gammagrafía. Despois de bastantes demoras e coas correspondentes reclamacións presentadas, chegamos ao 23 de decembro de 2019. Uroloxía comunica que efectivamente teño cancro de próstata e que debo iniciar tratamento de Radioterapia no Hospital do Meixoeiro no Servizo de Oncoloxía Radioterápica, solicitando que se me faga unha PET Colina e se me asigna unha doutora do servizo para o meu seguimento.
Outra vez demoras na realización da PET, atribuíbeis como as anteriores ao Sergas. Volta a presentar reclamación para que se me faga a PET. Unha vez completada a PET, son sometido a un TAC de simulación para iniciar o tratamento. O 12 de marzo son citado no servizo do Hospital do Meixoeiro. Aquí se me informa que aparte do cancro na próstata aparecen afeccións metastáticas na cabeza do fémur esquerdo e en vértebras e que precisan contrastar con Medicina Nuclear sobre a conveniencia de iniciar o tratamento de Radioterapia.
O 13 de marzo se me comunica telefonicamente que realizada a consulta desisten do tratamento e se me indica que contacte con Uroloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro. Solicito cita e son convocado para o 1 de abril. Se me indica que realizada unha consulta con Oncoloxía Médica do Álvaro Cunqueiro, teño que acudir o día 2 de abril a consulta presencial en Oncoloxía Médica. Se me informa e analizan as distintas posibilidades de tratamento, decantándose pola reanudación do tratamento de Radioterapia mais ten que consultalo co Servizo de Radioterapia do Meixoeiro.
O 6 de abril se me avisa telefonicamente de que hai plácet dos dous servizos para iniciar o tratamento e xa está solicitado formalmente o inicio deste. O 8 de maio son citado para consulta en Oncoloxía do Meixoeiro, na mesma se me indica que teño que realizar de novo o TAC de simulación e que o tratamento será en dúas fases para tratar na afeccións primeira a zona da próstata e na segunda as afeccións metastáticas. 18 de maio, realización do TAC de simulación.
Á vista de que non son citado, chamo ao servizo o 29 de maio para coñecer cando está previsto inicio do tratamento. Son informado que nesta altura está en estudio de Dosimetría para saber o tipo de radiación. Pregunto se hai algunha data prevista e danme como referencia probábel o 16 de xuño. Presentada reclamación ao Sergas o 31 de maio, a día de hoxe sen contestación.
Como se fose un sarcasmo, temos que ler no Faro de Vigo do 17 de maio: “El Chuvi logra mantener el tratamiento a todos los pacientes con cáncer durante la pandemia Oncología extrema las precauciones para atender «al 100%» de los enfermos”. Só pido que me traten coma un cidadán normal sen necesidade de enchufes…. e que destinen os recursos necesarios para atender á cidadanía con garantías.
Resulta obvio que, independentemente da situación de emerxencia sanitaria provocada polo Covid 19, un cancro se non se trata a tempo ten un final anunciado. Espero non estar nesa fase, somos persoas e non números nunha estatística.