Por eso aínda que aquí xa fai tempo que a dereita corta o bacallau, e o Goberno leva tempo de bo año, quen ten cu ten medo, non vaia ser que a pesares de encher estadios e aldeas, os populares durman quentes a noite do vinte e cinco. Os de Feijóo traballaron arreo para que os galegos non quedaran agora nin arre nin xo, carrexando duro e facéndolles ben as beiras, desconfiando da capacidade dos miñaxoias da oposición, que aínda que comezaron a modiño, os últimos días da campaña puxéronse rabudos que nin Dios e férvelles o eixe por tocar goberno en Galicia. Teñen morriña, é normal.
Eche o que hai, pero a oposición galega ao PP non quere outra vaca no millo, e quedar chupando roda outros catro anos. Contan con que os galegos non somos parvos e que imos votar barallando que amiguiños si, pero a vaquiña polo que vale. E que Feijóo marche, que xa ten que marchar, e que mal raio parta ao monicreque.
Pero o Partido Popular, que non quixo poñer o carro diante dos bois, no fondo pensa que malo será, que lle van dar unha tunda a eses pailáns e mixiriqueiros. Presume do mellor candidato, do máis riquiño, fronte aos toxos da esquerda do demo, que non se sabe de quen son e que queren poñer a Xunta do revés, que medo meten! Seica uns galegos saben que non é o mesmo Xan que Pericán, e outros pensan que son iguais, e nesa teima van decidir quen vai gañar e quen vai rañar. De momento depende, pero o domingo morre o conto, non si?