Non deixa de resultar curioso que todos aqueles que deberían ter falado antes, moito antes, todos aqueles que deberían ter acudido á chamada e non o fixeron como debían, agora veñan en tromba, todos ao mesmo tempo e berrando sen parar. O goberno, os empresarios, os bancos, o fútbol… Carallo, pero se agora ata saen os de Pronovias dicindo que se hai independencia eles tamén marchan! Pero que carallo de ameaza é esa?! “¡Como os independicéis, las novias catalanas os tendréis que casar todas vestidas de castellers!” Coño, que medo!
Bueno, vale, igual isto último vos parece unha esaxeración. Pero tampouco vaiades pensar que a realidade dista moito de ser absolutamente surrealista. Porque aquilo co que día tras día nos bombardean desde todos os medios de comunicación españois é de todo menos cabal. Digno do mellor guión dos irmáns Marx… Mirade:
Primeiro deixaron pasar o tempo, nesa liña de actuación tan propia de Rajoy: “Uy, problemas! Mejor veo para otro lado, a ver si la cosa se soluciona shola…”. Non quixeron escoitar, moito menos dialogar. Non sería ata empezar a ver que a cousa se puña seria cando pasaron á acción. E entón vírono claro: para que dialogar, se podemos ameazar? Así, a primeira de todas as bravatas foi a historia esa de enfrontárense os cataláns á responsabilidade de “romper España”. Cona, pero que raio lle pasa a este país, que a pouco que fales del esnaquízase? Seica España está feita de forespán, ou que? De todos modos, iso nada máis foi o comezo: collido o gusto á cousa da extorsión, pronto pasaron a todo iso da saída automática da Unión Europea, do Tratado de Schengen, e ata do euro! Disque a partir de agora, en Cataluña teremos que pagalo todo en “butifarretas”…
-Escolti, a com va el kilo de escalivada?
-A 2 butifarretas con 50 sardanetes.
-Osti, nen, que caro…
Como rañar e ameazar todo é empezar, logo chegaron os empresarios, insinuando que en caso de independencia pouco menos terían que facernos unha especie de ERE masivo a todo o país. “¡A tomar por culo, todos a la puta calle!” Bueno, máis ou menos xa estabamos nesas, así que por aí tampouco conseguiron moito… No se vayan todavía, que aún hay más: como somos poucos, a avoa púxose de parto a semana pasada, e aí aparecen os dos bancos dicindo que, en caso dunha Cataluña independente, a eles non lles quedará máis remedio que abandonar o país. Os bancos saíndo de Cataluña?! Con todos os meus respectos, permítanme apuntar que iso é tan estúpido como dicir que as torres de petróleo van saír de Arabia Saudí, que os curas van abandonar as igrexas, ou que Drácula vai deixar de chuchar pescozos.
E como as grandes marcas están para seren superadas, por se todo o dito non fose suficiente (e deixando de lado o vergoñento espectáculo no que o barullo mediático convertía un partido de baloncesto en toda unha pretendida demostración de orgullo e unidade patria), esta semana tivemos que escoitar, atónitos, a última burrada: di o Banco de España que, ante este panorama, o máis probable é que tanto os cataláns como os que aquí vivimos, aínda que non sexamos descendentes de Companys, Macià e Tarradellas, teñamos que ir facéndonos á idea de afrontar un “corralito”. Un “corralito”! Pero, a ver, un momentiño… Imos ver unha cousa: quen carallo é o que está a advertir de tal barbaridade? O Banco de España, di vostede? O mesmo Banco de España que non nos advertiu de nada ante as hipotecas abusivas? O mesmo fodido Banco de España que durante tantos anos estivo facendo a vista gorda ante as tarxetas “black”? O mesmo puto Banco de España que non abriu a boca nin moveu un dedo mentres medio país se arruinaba invertendo en accións preferentes? Ese mesmo miserable Banco de España vennos agora coa ameaza do “corralito”… e nós temos que tomalo en serio?! Pero por favor, con quen carallo pensan que están falando? Que somos, nenos pequenos aos que hai que asustar co lobo? Claro que si, home, claro que si: aí vén o corralito. E as cartillas de racionamento, e os piollos, e os nenos desnutridos. E xa postos, o tifus, a tuberculose e a peste negra. E, se sobra tempo, incluso o regreso de Operación Triunfo, presentado por Esteso y Pajares e co Toro de la Vega de artista invitado.
Pero o peor, o peor de todo isto, é ter que escoitar, día tras día, a cantinela esa da “ameaza independentista de Artur Mas”. Como se todo isto fose un invento do president… Hai algo moito peor, unha falacia maior, escondida baixo esa atribución. Falan do proceso separatista de Mas porque non se atreven a dicir a verdade, a chamalo polo seu verdadeiro nome. Facelo sería ir aberta e directamente contra o propio pobo. E iso sería ir demasiado lonxe. Non porque este goberno de España, totalitario e atroz, non o teña feito antes. Claro que si, iso non é un problema para eles. O matiz está no feito de facelo así, a cara descuberta. Porque isto non é ningún invento de Artur Mas. Non, isto é a voz do pobo.
Por motivos persoais que non veñen ao caso, eu teño a oportunidade de observar, escoitar e, ás veces (se teño o día simpático) mesmo conversar con xente de moi distintas clases sociais (si, aínda as hai). É desde esa perspectiva que podo garantirvos sen medo a equivocarme que o do independentismo non é un invento dun par de políticos, nin o discurso de catro pelagatos se nada mellor que facer (como tamén vos queren vender, especialmente aí, fóra de Cataluña). Non se trata de Mas, nin dos da CUP, nin da Ada Colau, “que está mu loca”. O do independentismo é un sentir vertical que atravesa transversalmente todos e cada un dos estratos sociais cataláns. Non estou dicindo que absolutamente todo o pobo catalán se sinta independente, pero si afirmo, con total seguridade (e moi en contra do que vos están contando aí fóra), que ese sentir se manifesta claro e forte ao longo de todo o país e de todos os seus grupos sociais. Un país do que o president non é máis que o seu representante. Por iso desde Madrid se refiren a elo como “o proceso de Mas”: porque así lles resulta moito máis fácil desprezar publicamente a unha soa persoa que a un país enteiro, por moito que, en realidade, sexa exactamente iso o que están facendo ao non querer falar. E logo aínda se preguntarán por que toda esta xente non se sente española…