Onte contra a noitiña e con motivo de comentar un fermosísimo artigo do académico da RAG X. L. Axeitos, adicado a Ferrín, onde se glosa ou reseña o acto sinalado no pé da foto, sobre a compilación recollida nun libro preparado polo profesor Fernando Ramallo destes traballos publicados no Faro de Vigo, No fondo dos Espellos, fomos endereitando a conversa por vieiros intrincados, un tanto labirínticos da memoria común.
Nunha sucesión apurada o tempo foise acelerando, desandando os camiños, recuando na procura das vivencias consolidadas que esváense, desfigúranse ou transfigúranse nas estancias brumosas do acervo común.
Así, entre recordos, a presenza recurrente por non dicir permanente durante moitos anos, dos cincuenta e sesenta aínda nos primeiros setenta do pasado século, dos barcos da Compañía Trasatlántica, todos eles con nome de virxes, non sei por qué. Así o Begoña, o Montserrat, o Covadonga e o Guadalupe, barcos de pasaxe, que adoitaban ter a cabeceira de saída para o porto de Vigo na cidade inglesa de Southampton. Estes barcos viñan consignados por CONTRASA, situada na rúa Montero Ríos, a cuxa fronte estaba José Grobas Loredo e tiñan por destino máis frecuente portos como La Habana ou La Guaira.
Dicir da Trasatlántica que foi unha naviera fundada polo Marqués de Comillas, quen tirou proveito das guerras coloniais de Cuba e Filipinas co transporte de tropas e suministros, despois reciclado coa pasaxe que comentamos.
Nesta conversa de onte tamén acudiron os bares da rúa de Santiago, sinaladamente o Tres Ventanas, onde recordo parar moito Pepe Lodeiro. O dono era do Ribeiro, coido que de Ribadavia, de nome Albino ou Balbino, dubido. Tamén a tenda bar da señora Carmen, na que paraban mulleres as que lles gustaba un grolo de licor ou unha fecha de viño. Bebían moito Sansón.
Xa para rematar, aínda tivemos tempo pra falar da Pastora en Freixeiro, tal que as tendas e tenda bar doutrora como as de Elías, entrando; máis interiormente, onde inicia o camiño de Freixeiro, antes estrada de Tui, no que sería o Mesón Arbo, de Celia, outra innominada e xa na Ponte Nova a tenda bar de Pepe.
Aínda nos deu tempo para lembrar París, o Quertier Latín, a Maximino Cacheiro Varela ou a libraría chinesa Le Fénix, segundo coido recordar no boulevard Sebastopol. Remando contra o tempo. Obrigado, amigo Ferrín.