Pois falaba de Celia e a súa maquina de asar castañas. Antano estiver tamén ao pé da Oliveira onde principia a Rúa Pobladores. Para acompañar as castañas o viño tinto do Ribeiro de Concha, que traía o seu home, Jaime, en bocóis e abillaba no bar de seu na Rúa de Santiago número sete fronte ao Tres Ventanas de Balbino.
Viño e castañas asadas daban lugar a convivios nos que a imaxinación se excitaba con contos do alén. En paralelo a estas vivencias, en tempos nos que non nos asolagaba internet, xa nalgúns fogares, eran os anos sesenta e comezos dos setenta, a canle única, agás UHF, da televisión pública ofrecía nun ritual anual a emisión de Don Juan Tenorio…almas do Purgatorio, de José Zorrilla, apoteósis do romanticismo español.
Nas cociñas das casas prendíanse velas e mariposas navigando en aceite, neste caso non me atrevo a chamárllles volvoretas por inadecuado, que simbolizaban o espírito dos deuses lares, os nosos antergos ou devanceiros.
Engado a visita ao camposanto, as flores coa súa mensaxe paradóxica de frescura e efémero. O remate destas datas era a obertura do escuro na compaña de grolos e fechas de tinto e licores que apuntaban saxitalmente ao corazón da diana do Misterio no portaliño do Nadal. E de antroidadas de Halloween, ren.