A noticia do pasamento de Marta Patricia Souto González, máis coñecida como Marta Souto, o pasado venres 18 de outubro, provocou unha grande conmoción que se reflectiu nos medios de comunicación galegos. Todos eles subliñaron que na época do bipartito ocupou o cargo de Secretaria Xeral para o Deporte en Galicia, e que na actualidade era a responsable do departamento de Normalización Lingüística do Concello de Vigo. Porén, penso que é preciso engadir que era unha muller de fortes conviccións e moi comprometida social e politicamente.
Fai anos coñecín a Marta ao ter que facer algunhas xestións relacionadas co instituto no que eu impartía clase. Recordo que eu cheguei propoñer, ao través dun artigo de prensa, que se adicara determinada praza da cidade de Vigo a unha importante poeta galega que ela chegara coñecer. Díxome claramente que se opuña a isa proposta porque tiña que respectarse a toponimia tradicional, e si esa proposta pretendía ir adiante ela ía rexeitala. O comprendín perfectamente, pero quedoume clara que ela era unha muller directa no trato, moi amable e moi firme nas súas ideas.
Cando no CIFP Manuel Antonio me asignaron a encomenda de coordinar un libro de homenaxe conmemorativo do instituto ao poeta Manuel Antonio, no que se pretendía que colaboraran as persoas máis relevantes da cultura galega, pedinlle axuda con algúns contactos e todo foron facilidades pola súa parte. Tamén insistinlle para que ela participara no libro, pero desistiu porque prefería quedar nun segundo plano. Logo de varios meses de traballo e grazas, tamén, á enorme axuda de Antón Pulido, que ademais fixo a portada, o libro foi unha realidade: “Manuel Antonio e mais nós”, editado por Hércules Edicións, con máis de sesenta colaboracións de todo tipo.
Logo seguimos tendo unha boa relación e coincidíamos as veces pola rúa Camelias, na que ela tamén vivía. A enfermidade a foi levando ata que chegou a triste noticia do seu pasamento. A seguiremos recordando co paso do tempo porque Marta Souto era unha boa persoa, agradábel no trato, comprometida, como xa dixen, e moi competente, unha persoa desas que deixan unha forte pegada.