Manuel Vidal Villaverde morreu o domingo 20 de outubro, nun día gris e de orballo, propicio para a inspiración poética. Manuel Vidal naceu en Vigo en 1946 e foi un destacado colaborador nos medios de comunicación galegos: Atlántico Diario, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Diario 16 de Galicia, El Progreso, Galicia Hoxe e A Nosa Terra. Destacou tamén polas súas aportacións en A Trabe de Ouro, Grial, Gallaecia, e outras publicacións. Acadou o premio “Julio Camba” en 1997 e 2003, e o premio “Puro Cora” no ano 1998. Destacou como crítico literario, xornalista, ensaísta e poeta, e publicou libros como “Luceiros fuxidíos” (Ed. Espiral Maior – 1994), “A sombra do inimigo” (Ed. Espiral Maior – 1998), “Contra o tempo” (Ed. Laiovento – 2003), “Manuel María: entre santos e navallas” (Ed. Laiovento – 2016).
Co falecemento de Vidal Villaverde vaise unha das personalidades máis destacadas da cultura galega actual. Era un escritor e poeta de verbo áxil tanto na conversa coma na escrita, moi comprometido e as veces polémico, ademais de persoa moi sensible e de imaxe inconfundible, coa súa barba, o seu pelo longo, o cigarro na man e sempre disposto para as xuntanzas nas que aportaba unha interesante conversa ao redor dun vaso de viño. Manolo, como todos o chamábamos, agora xa ocupa un lugar destacado na historia da cultura galega, el era o derradeiro romántico e sirva coma homenaxe o poema “Igual que o río vai á noite”, da súa obra “Luceiros fuxidíos”.
“Cavilo para cando pase o tempo e as feridas
para cando a morte me confunda na historia dos anónimos
e ti me digas ven no medio das sombras
e eu vaia a ti igual que o río vai á noite
docemente calado
lentorecido nesa memoria inútil
a nostalxia
aquilo que foi e non
O soño que non puidemos dicir noso
este pesadelo.”