O certo é que tempada a tempada padecemos miles de lumes que arrasan miles de hectáreas, que destrúen o noso patrimonio, que hipotecan o futuro do noso monte e do noso rural, que poñen en perigo vidas humanas e as vivendas da veciñanza… en fin… que van matando ao noso País.
E cal é a resposta dos poderes políticos? Aplicar as medidas que xa se teñen demostrado inoperantes no pasado, e afondar na estratexia de converter Galiza nun deserto sen futuro.
Vexamos senón cales foron as medidas do Partido Popular nos últimos anos:
1. A estratexia política:
a. A Xunta de Galiza aprobou, co único apoio do PP, e contando coa opinión contraria dos sectores afectados, unha Lei de Montes que:
i. Céntrase unicamente na visión produtivista, e mesmo especulativa, dos nosos montes, fomentando o aproveitamento madeireiro en prexuízo doutros usos.
ii. Facilita a forestación de terras agrarias, o que significa reducir a superficie agraria útil e multiplicar as especies invasoras de crecemento rápido que reporten beneficios a curto prazo.
iii. Desvirtúa absolutamente a anterior lexislación en materia de incendios, abandonando os traballos de limpeza, minimizando as distancias de seguridade, ou fomentando a produción forestal de cultivos enerxéticos.
b. Seguindo na mesma estratexia, ten en marcha a aprobación dun Plano Forestal de Galiza que aposta decididamente polos cultivos enerxéticos, pola produción masiva de especies invasoras de rápido crecemento e pola desaparición do uso agrícola das nosas terras. Proba palpábel disto é a prórroga de 60 anos concedida a ENCE co goberno en funcións. En definitiva, producir para queimar.
2. Os medios para desenvolver a estratexia: Trazada a folla de ruta, hai que adecuar a política de prevención e extinción de incendios á mesma. É por iso que deciden volver á xa anteriormente fracasada política de Fraga de descentralizar a loita contra o lume, e volven apostar por diluír os efectivos en Concellos, empresas públicas e privadas e na propia Administración galega.
Así temos empresas públicas como Tragsa ou Seaga; privadas como Nanuctenia; brigadas e motobombas municipais; e o Spdcif de Medio Rural; ademais doutros grupos de intervención como Bombeiros dos Consorcios provinciais e municipais, Grupos de Emerxencia Supramunicipal (GES), as BRIF; e non digamos xa cando acode a seica todopoderosa UME.
3. As repercusións no ámbito profesional: Máis alá das reivindicacións sectoriais de cada colectivo, non cabe a menor dúbida que este modelo afonda na precarización do emprego no sector, abandona á súa sorte a centos de persoas con moitas veces escasa formación específica e non respecta a normativa en materia de prevención de riscos laborais.
Atrás quedan aquelas vomitivas escenas dun Alberto Núñez Feijoo en zapato baixo e termando dunha mangueiriña de regar os tomates, para denunciar a inactividade do goberno daquela ante o lume. Pasaron dez anos daquela funesta estampa e seguimos na mesma…mais con milleiros de hectáreas máis queimadas, casas ardidas, cultivos desfeitos, e varios mortos e feridos polo lume. Si, polo lume, e pola falla de medidas de seguridade para as brigadas!!!
As alternativas que propón a CIG:
1. Política Medioambiental:
a. Suprimir calquera axuda á silvicultura e á forestación con especies pirófitas, direcionando os fondos públicos cara o fomento das especies autóctonas, o abandono do eucalipto e os modelos de aproveitamento multifuncional e sustentábel.
b. Reducir a superficie ocupada polo Eucaliptus globulus e prohibir a forestación con Eucaliptus nitens e outras especies invasoras en todo o territorio galego.
c. Prohibir o cultivo de especies alóctonas nos espazos protexidos abandonando a pretensión de “xestionar activamente” os bosque de ribeira e as etapas maduras de sucesións ecolóxicas.
d. Impedir os cultivos enerxéticos e o aproveitamento da biomasa forestal residual exclusivamente con fins enerxéticas, priorizando o uso da biomasa para restituir a materia orgánica e os nutrientes ao solo, así como a compostaxe.
e. Adaptar a actividade forestal ao cambio climático, tendo en conta as situacións de risco (lumes, erosión, perda de capacidade de retención e de fertilidade, etc.) nos nosos montes.
f. Propoñer alternativas para evitar a degradación e a perda de solo fértil nos montes. Reverter este proceso é imprescindíbel para garantir a existencia dos propios sistemas forestais, a conservación dos ecosistemas e a produción de recursos no futuro.
2. Política de Montes: Modificación da Lei de Montes de Galiza actualmente vixente, nos termos resumidos anteriormente.
3. Retirada do Parlamento de Galego das directrices para a revisión do Plano Forestal de Galiza, e a elaboración de outras contando coa participación de todas as entidades que viven, traballan ou xestionan o medio rural.
4. Loita pola prevención e contra os incendios forestais: Establecer un único operativo e mando de carácter público, tanto para a prevención como para a loita de extinción.
Asinado: Anxo Pérez Carballo
Secretario Confederal de Medioambiente da CIG.