Ven ao caso porque derivando na conversa, démonos coa memoria do oftalmólogo Antón Beiras, eminencia no tratamento e corrección do estrabismo.
Eran mediados os anos sesenta do pasado século, eu e o meu irmán, na compaña da nosa nai, pasamos longas horas na súa consulta de Policarpo Sanz agardando o efecto dunhas pingas que sempre me amolaban.
Recordo que nos deixaba xogar a fútbol no corredor para entreter a espera.
Naquela consulta había cadriños de Castelao pendurados da parede. Nun deles, dous labregos parolaban: «Aos señoritos non lles gosta a choiva, pro góstanlle ben as patacas».
Antón Beiras falaba sempre en galego. Lembro tamén agarimosamente as súas enfermeiras Mari Carmen e outra moi noviña naquela altura, chamada Sili.
Antón Beiras, a maiores de bon médico e cirurxán, era inventor. Tiña trebellos da súa factura instalados na clínica. Pero o que lle deu sona foi a invención do chamado Vigoscopio.
A min víñame recoller a casa nun Citroën dous cabalos, no que levaba coellos operados da vista nunhas gaiolas, para o tratamento do estrabismo co Vigoscopio, no Colexio Fogar de San Roque, coido que por aquela da Caixa de Aforros Municipal de Vigo.
Alí traballaba, me parez, para o ilustre doctor algún especialista en electrónica da Escola da Armada.
Asemade o noso Antón Beiras era moi atento con todos e reteño na miña memoria unha situación na que unhas xitanas tentaban ser atendidas sen cita. Un pequeno balbordo, algo de liorta con Sili e Maricarmen.
De súpeto, a figura imponente do inesquecíbel Antón Beiras resolvendo a situación, dando atención inmediata a aquelas pacentes impacentes.
Un día a miña nai comentou que estaba moi maliño e xa non o volvemos ver máis. A morte levouno con presa.
Eran finais dos sesenta, quizáis o sesenta e oito.
Eu seguín tratamento do meu estrabismo co doctor Malvar Senra, quen para me animar agasallárame cun libro de contos ilustrado, entre os que recordo, non sei por qué, Destripaterrones.
O doctor Antón Beiras deixóunos a todos moi atristurados e unha grande pegada na cidade de Vigo e na Comunidade Galega e científica.
Por certo, ¿onde se atopará o Vigoscopio? .