A construción naval é un dos principais pivotes da industria viguesa. Configurouse como unha actividade de grande importancia desde o século XIX para se tornar, xa no pasado século XX, nun sector de carácter estratéxico para a cidade de Vigo, para a súa comarca e para o conxunto de Galiza. No entanto, asistimos nos últimos anos a un preocupante devalar, agudizado nos primeiros anos da crise, que fixo que de máis de 10 mil empregos hoxe represente menos de 2 mil. A nivel produtivo, ese retroceso traduciuse nunha menor achega en termos de Valor Engadido Bruto e menor facturación, facendo que pasase de ser a terceira actividade económica máis importante na comarca en 2008 a se converter na novena en 2017.
As últimas semanas puxeron o naval vigués nunha evidente situación de emerxencia. Con dous dos seus principais estaleiros na corda bamba. Vulcano encarando o risco real da súa desaparición definitiva após cen anos de actividade, e coa Autoridade Portuaria de Enrique López Veiga boicoteando de maneira deliberada calquera posibilidade de reactivación, co único afán de se apropiar da súa parcela para a destinar a contedores. E con Barreras nun momento límite, provocado en grande medida polas loitas intestinas do seu accionariado privado após unha xestión máis que cuestionábel por parte da última dirección, e sorteando (parece) in extremis un proceso concursal de imprevisíbeis consecuencias pero sen garantías claras de continuidade a medio e longo prazo.
A isto engádese a escasa carga de traballo no resto das empresas e a situación moi delicada que atravesa a industria auxiliar –imprescindíbel no actual modelo de estaleiros de síntese–, afogada pola falla de pagamentos e na que se incrementou substancialmente a precariedade laboral.
Esta situación deixa en evidencia que cómpre despregar medidas que robustezan o sector, que o estabilicen e que incorporen unha decidida aposta pola continuidade da actividade e do emprego. O contrario da política de omisión e inacción que practicou até agora o Goberno galego de Alberto Núñez Feixoo, e da indiferenza do executivo estatal.
É claro, pois, que só a través da intervención pública directa, isto é colocando baixo control público a maioría do seu accionariado ou cando menos unha parte relevante, poderanse dar garantías de futuro para Barreras, Vulcano e, por extensión, para o conxunto do sector naval. Non é unha fórmula aloucada. A Francia de Macron optou en 2017 por nacionalizar o estaleiro de Saint Nazaire para evitar o seu feche. O mesmo vén de facer Escocia, o pasado agosto, co estaleiro Ferguson en Port Glasgow. Cómpre, asemade, lembrar que no caso de Barreras este estaleiro foi público desde 1976 até 1997, cando o goberno español de Jose María Aznar decidiu malvendelo, dentro do paquete de privatizacións, por apenas 750 millóns de pesetas (4 millóns e medio de euros).
Por que Vigo non pode volver ter un estaleiro público ou semipúblico que fortaleza o sector en termos de solvencia económica e investimentos, como si existen noutras áreas de Galiza e do Estado? Eis, a pregunta que nin PP, nin PSOE, son quen de responder. Mais nesta encrucillada o silencio pode tornarse mortal para o sector naval en Vigo e, polo tanto, para unha parte moi importante da nosa industria. É hora de pasarmos á acción para evitalo.
Xabier P. Igrexas, portavoz municipal do BNG no Concello de Vigo